Antía Chamosa, bronce no Campionato de Europa Sub23

Publicado por: F.G. Atletismo

Antía Chamosa lograba no día de onte escribir de maneira brillante un novo capítulo internacional á historia do atletismo galego logo de acadar a medalla de bronce nos Campionatos de Europa Sub23 que se están a desenvolver na capital Estonia de Tallín. A marchadora internacional invertía un tempo de 1h.35.04 sobre a proba dos  20 km. que ademáis supoñen un novo récord galego Sub23 que mellora en nada menos que nun minuto e vinte e tres segundos a anterior plusmarca galega que ela mesma tiña dende marzo deste ano. A proba foi gañada pola marchadora turca Bekme con 1h.33.08 seguida da francesa Stey 1h.34:47

A evolución de Antía, ven sendo nos últimos anos moi importante. O seu comezo no atletismo no ano 2009 con dez anos producíase xa sobre a especialidade de marcha, onde lograba ese mesmo ano un noveno posto no Campionato Galego Sub10 sobre os 3 Km.

Desde ese entón a súa progresión, adestramento e indudable talento foron medrando de maneira progresiva baixo a sempre atenta mirada do seu adestrador e descubridor Antonio Pardal, (e xa nos últimos anos de Monserrtat Pastor) que fixeron que no ano 2012 lograra o seu primeiro Campionato de Galicia  Sub14. Un ano mais tarde, no 2013 en Granollers, lograba o seu primeiro título nacional na proba 3.000 m. sendo Sub16 de ahí, xa instalada no máis alto do panorama nacional, viñeron o resto de destacadas actuacións: campioa de España Sub16 no ano 2014; bronce no nacional Sub18 do ano 2015 e prata no 2016;  prata no nacional Sub20 no 2017; prata no nacional Sub20 e Sub23 no 2018 e 2019 respectivamente. O mellor resultado foi o título de campioa de España absoluta nos 10.000 m. en Madrid o ano pasado e o de campioa de España Sub23 sobre a mesma distancia deste ano en Nerja.

A súa primeira internacionalidade prodúxose no ano 2015 no Campionato do Mundo Sub18 de Cali (Colombia) no que remataba no posto 22º sobre a proba dos 5.000 marcha. No ano 2016 acudía novamente ao Campionato de Europa Sub18 onde remataba na 14ª posición  nos 5.000 m.  Un ano máis tarde no 2017,  lograba un posto de finalista co 7º lugar no Campionato de Europa Sub20 de Grosseto que daba paso ao Campionato do Mundo Sub20 de Tampere (Finlandia) no que lograba o posto 17º na proba dos 10.000 marcha. No 2018, debutaba ca selección absoluta no Campionato do mundo de marcha por equipos na localidade chinesa de Taicang rematando de maneira moi brillante no posto 12º.

Tería que chegar o 2019 para presenciar, ata entón, o mellor resultado co seu 5º posto no Campionato de Europa Sub23 en Suecia na proba dos 20 km. e o 11º no Campionato de Europa de marcha por equipos ca selección absoluta de Podebrady (Rep. Checa) deste mesmo ano

 

O artigo Antía Chamosa, bronce no Campionato de Europa Sub23 publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Antía Chamosa, bronce no Campionato de Europa Sub23

Mas noticias relacionadas