As montañas palentinas poñen a proba ás atletas galegas e galegos

Publicado por: F.G. Atletismo

Esta fin de semana, o corazón da montaña palentina converterase no epicentro do trail running estatal coa celebración da terceira e última proba do Campionato de España de Trail Running 2026. A competición chegará cun formato dobre e decisivo, no que se poñerán en xogo non só os títulos de España, senón tamén boa parte das prazas para a gran cita internacional da tempada.

O programa arrincará o sábado 2 de maio co Campionato de España de Subida Vertical, que unirá as localidades de Barruelo de Santullán e Brañosera nun esixente percorrido marcado pola dureza e o desnivel. Xa o domingo 3 de maio será a quenda das Carreiras de Montaña Classic, que se disputarán en Aguilar de Campoo, ofrecendo un trazado técnico e competitivo que decidirá os últimos campións da tempada.

Esta dobre cita supón o derradeiro paso para os atletas españois antes do gran obxectivo internacional: o Campionato de Europa Off-Road, que se celebrará do 5 ao 7 de xuño entre Liubliana e Kamnik (Eslovenia). En xogo estarán un total de 12 prazas para formar parte da selección española: na modalidade classic obterán a clasificación os campións absolutos e sub20, mentres que na Subida Vertical serán os campións e subcampións de cada categoría os que aseguren a súa presenza no Europeo.

A representación galega estará composta por un total de 33 atletas que competirán en ambas disciplinas coa ambición de igualar ou mellorar os once metais  acadados na pasada edición de Canfranc.

Entre os nomes propios destaca a presenza de Raquel Estévez (CD Pinarium), actual campioa de España M55, que chega coa intención de revalidar o seu título. Tamén sobresae Julia Salgado (SD Compostela), quen inicia a súa etapa na categoría Sub23 tras proclamarse subcampioa de España Sub20 o pasado ano, confirmándose como unha das promesas máis firmes do panorama nacional.

No apartado masculino, Elpidio Gómez (Castro Trail) tratará de repetir a súa brillante actuación da pasada tempada, na que se proclamou campión de España M50 tanto en carreira de montaña como en subida vertical. Pola súa banda, Emilio Montilla (CD Biosbardo), xa na súa nova categoría, buscará mellorar o seu rendemento tras lograr dúas medallas —prata e bronce— na edición anterior.

Outro dos grandes focos de atención estará posto na participación da polifacética e talentosa atleta internacional Sandra González (Atlética Lucense). A corredora galega continúa a súa progresión meteórica tras un 2025 no que acadou a medalla de prata por equipos no Campionato de Europa de campo a través. Neste 2026 xa suma o título de campioa de España de campo a través e a plusmarca nacional Sub20 nos 10K, polo que afronta esta fin de semana co obxectivo de selar a súa clasificación para o Campionato de Europa Off-Road como xa fixera no 2024 na Copa Internacional Trail e Mountain Running Sub-18

Con todos estes ingredientes, a montaña palentina prepárase para vivir unha fin de semana de máximo nivel competitivo, na que se decidirán os títulos de España e as últimas prazas internacionais nun dos momentos clave da tempada de trail running.

O artigo As montañas palentinas poñen a proba ás atletas galegas e galegos publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: As montañas palentinas poñen a proba ás atletas galegas e galegos

Mas noticias relacionadas