Publicado por: F.G. Atletismo
A nosa selección absoluta acadaría onte no Campionato de España de Comunidades desenvolto en Granollers unha fantástica quinta posición que a consolida un ano máis entre o top do atletismo nacional. O encontro sería domiñado pola selección catalana quen se imporía con 497 puntos seguidos de andaluces e madrileños con 426,5 e valencianos con 423. A nosa comunidade lograría un total de 374 superando a seleccións importantes como a vasca e manchega. Con este posto Galicia repite e afianza esta importante posición logrado xa nos anos 2013,2014,2015 e 2017 e na que tan só o ano 2016 baixaría ata o sétimo posto.
A nivel de resultados, as baixas importantes de Triana, Chamosa, Peleteiro, Ben, Parada, ou mesmo Okuto, serían suplidas pola gran competitividade amosada por todos e cada un dos integrantes do combinado que de novo amosaron o seu compromiso e entrega, en todas e cada unha das probas pelexando ata o límite das mesmas.
O máis salientable serían os trunfos da nosa internacional Solange Pereira nos 1.500 con 4:22.20 e da francesa do Celta con ficha galega Marie Genevieve nos 3.000 Obstáculos con 10:28.96 nunha decisión de selección técnica arriscada e discutida, pero que se confirmaría como a máis acertada para os intereses galegos. Importante serían tamén a excelente contribución de Paula Mayobre co seu segundo posto sobre os 5.000 m. cun rexistro de 16:39.63,
O sector de lanzamentos sería un dos “motores” de Galicia cos segundos postos do noso cinco veces olímpico Frank Casañas en disco con 57.31 m. e da mundialista Belén Toimil no peso con 16.20 m. sempre fieles a chamada da Selección. Moi salientable unha vez máis, o terceiro lugar da Sub18 Irene Gómez en martelo lanzando ata os 52.62m. Mesmo lugar e mesma importancia para para Carlos Moro, quen nos 400 valos con 52.04 milloraría en preto dun segundo a súa MMT.
Por último facer unha referencia ó fantástico comportamento dos equipos de relevistas a nivel xeral. Nesta ocasión serían os equipos femininos quenes lograran nada menos que o récord galego tanto nos 4×100 con 47.28 (l.Ferrer/C.Garrido/A.Pais/O.Becerril ) como no dos 4×400 m. con 3:45.03 (I.Oitaven/L.Sicre/S.Pereira/P.Iglesias) poñendo con elo o broche de ouro a unha gran xornada para o atletismo galego.
O artigo Fantástico comportamento da Selección Galega publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Fantástico comportamento da Selección Galega