Galicia presume de calidade no campionato de España Sub18 indoor

Publicado por: F.G. Atletismo

O atletismo galego asinou unha actuación histórica esta fin de semana en Antequera durante a disputa do Campionato de España Sub18 de pista curta. A expedición galega regresou cun botín de oito medallas, un récord de España, tres mínimas para o Campionato de Europa, un récord do campionato e dez postos de finalistas, nunha actuación colectiva que confirma o excelente momento de forma da nova xeración de atletas da comunidade.

Grazas a estes resultados, Galicia acadou unha brillante segunda posición no medalleiro por comunidades autónomas, só por detrás de Madrid, consolidándose como unha das grandes potencias do atletismo base a nivel estatal.

A nova xeración emerxente

Entre os grandes protagonistas da fin de semana destacou o lanzador Hugo Casañas, quen volveu demostrar o seu enorme potencial no concurso de lanzamento de peso. O pontevedrés, que xa conta con catorce récords de España nas categorías inferiores, debutaba nesta categoría deixando unha actuación memorable. Cun mellor lanzamento de 20.59 metros, Casañas superaba a histórica plusmarca española que permanecía vixente desde 1995, cando Iker Sukia establecera o récord en 20.13 metros. Este rexistro non só lle permitiu proclamarse campión de España, senón que ademais o sitúa como líder do ranking mundial Sub18 da tempada, confirmándoo como un dos grandes favoritos de cara ao Campionato de Europa Sub18 que se celebrará no mes de xullo en Rieti (Italia).

No mesmo concurso tamén brillou con luz propia Aitana Capeáns, atleta do Sanysec-Ourense, que asinou unha actuación de enorme nivel. A galega foi a única participante capaz de superar a barreira dos 14 metros e, no seu quinto intento, enviou o peso ata os 14.79 metros, unha marca que supón récord do campionato e que a coloca como clara líder do ranking nacional da especialidade.

Se o lanzamento de peso tivo claro protagonismo galego, outro tanto ocorreu nas probas de fondo, especialmente nos 3.000 metros, onde os atletas da comunidade volveron dominar con autoridade.

Na categoría feminina, Sabela Castelo, tamén do Sanysec-Ourense, regresaba á competición tras superar unha lesión e fíxoo da mellor maneira posible. A atleta internacional impúxose cun tempo de 9:51.82, sumando un novo título nacional á súa traxectoria deportiva.

Na proba masculina, o triunfo foi para Enrique García, do Lucus Caixa Rural Galega, quen protagonizou unha carreira moi intelixente desde o punto de vista táctico. Cun rexistro final de 8:45.57, o atleta lucense proclamouse campión de España, superando a rivais que chegaban ao campionato con mellores marcas acreditadas durante a tempada.

Outro dos grandes nomes do campionato foi o saltador Bruno Castro, do Coruña Comarca. O atleta ferrolán, campión de España Sub16 o pasado ano, estreábase na categoría Sub18 pola porta grande. No concurso de triplo salto proclamouse campión de España cun mellor intento de 14.75 metros, unha marca que ademais supón mínima de participación para o Campionato de Europa e que o confirma como unha das grandes promesas da especialidade. Pero a súa actuación non quedou aí. Castro tamén participou no salto de lonxitude, onde logrou subir novamente ao podio. No seu cuarto intento alcanzou os 6.90 metros, unha marca que lle valeu a medalla de bronce, quedando a tan só un centímetro do ouro, nun final tremendamente apertado.

Nos 800 metros, o atleta do Atletismo Sada Hugo Zuluaga protagonizou outra das grandes actuacións galegas do campionato. O corredor chegaba á cita coa quinta mellor marca dos participantes, pero soubo competir a gran nivel para meterse na final e, xa nela, realizar unha carreira moi sólida. Cun tempo de 1:54.89, logrou proclamarse subcampión de España, mellorando así o bronce que conquistara na categoría Sub16 a pasada tempada.

As boas noticias continuaron nas probas de medio fondo coa actuación de Xoel Franco, quen continúa demostrando unha progresión imparable. O atleta, que xa fora campión de España Sub16 o pasado ano, sumou agora un novo título nacional ao proclamarse campión dos 1.500 metros cun rexistro de 3:51.49. A marca supón ademais para o atleta do Celta,  a súa mellor marca persoal (MMP) e mínima de participación para o Campionato de Europa, situándoo tamén como sexta mellor marca española Sub18 de todos os tempos.

No resto de actuacións compre salientar tamén as cuartas posicións colleitadas por Lola Vigo do Coruña Comarca en altura con 1.63 m. e Guillermo Piñeiro da Gimnástica nos 60 v. con 7.94

A maiores, lograban postos de finalistas: Paula Fernández (Sanysec-Ourense) 5º nos 3000 m./ Mateo Justo (Rías Baixas) 6º nos 60 m./ Aaron Pérez (ADAS CUPA) 7º nos 60 m./ Joel Santana (Celta At.) 7º en heptatlón./ Lois Corral (At. Narón) 8º nos 60 m./ Mauro Segín (Marineda At.) 8º nos 400 m.;/ Sara Faraldo (At. Sada) 8º en altura./ Adriana Castiñeira (Coruña Comarca) 8º en altura.

Con este extraordinario balance, o atletismo galego confirma o enorme talento da súa nova xeración e reafirma o seu papel protagonista no panorama nacional das categorías de formación.

Resultados

Foto: Sportmedia para a RFEA

O artigo Galicia presume de calidade no campionato de España Sub18 indoor publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Galicia presume de calidade no campionato de España Sub18 indoor

Mas noticias relacionadas