GRANDES RESULTADOS PARA O CLUB NAS ÚLTIMAS COMPETICIÓNS (16-22 maio 2022)

Publicado por: Lucus Atletismo

A semana do 16 ao 22 de maio estivo cargada de competicións e bos resultados para os/as atletas do Lucus Caixa Rural Galega. Mentres a categoría SUB18 desputaba o seu Campionato de Galicia en pista ao Aire Libre, os demais buscaban mellorar as súas marcas nos distintos controis autonómicos e nacionais, rematando esta semana festiva coa Media Maratón Cidade de Lugo que se celebrou nos arredores do casco histórico na mañá do domingo.

 

A primeira en animarse foi a nosa marchadora Noa Abelleira, que comezaba a semana desprazándose ata a capital española para disputar o Gran Premio Internacional Madrid Marcha, nun circuíto urbano homologado de 1 km. Conseguía rematar no sexto posto da categoría SUB16 nun tempo de 16:51, completando o percorrido total de 3 km. Dous días despois, repetía participación nos 3.000 metros marcha do Trofeo Sociedade Ximnástica de Pontevedra, rebaixando en 30 segundos o tempo realizado en Madrid con 16:21.45. Nese mesmo Trofeo, Xabier Rodríguez rexistraba 8:41.63 na súa primeira carreira de 3.000 metros lisos da presente tempada en aire libre.

 

Xa na fin de semana, o sábado celebrábase en Leganés unha reunión deportiva na que estivo presente Adi Iglesias nos 100 e 200 metros lisos, cun resultado de 12.05 e 24.52, respectivamente; liderando as dúas carreiras e preto das súas MMP, con boas sensacións de cara ás seguintes probas.


Pero, sen dúbida, o día máis completo sería o domingo, co CAMPIONATO DE GALICIA SUB18 en Pontevedra e a MEDIA MARATÓN CIDADE DE LUGO no centro da capital lucense, onde os fondistas tomaron parte con excelentes resultados para o Club.

© Federación Galega de Atletismo

Nas instalacións de Pontevedra, Hugo Sánchez e Martín Vázquez progresaban á final dos 100 metros lisos, na que conseguían o sexto e sétimo posto, respectivamente, cuns tempos de 11.81 e 11.89. Nos 1.500 metros, Ángel Herrero remataba terceiro con 4:16:16 e a medalla de bronce; mesma proba na que Brais Lugrís se estreaba liderando a final B, cunha marca de 4:43.95 que non lle permitía subir ao podio, pero lle deixaba boas sensacións no seu primeiro campionato galego.

Nos 110 metros valados, Martín Vázquez conseguía a primeira posición cos seus 15.29, converténdose no actual campión galego da proba. En disco, Martín Rouco remataba na cuarta posición chegando aos 29.32 metros, posto que melloraba no lanzamento de martelo coa terceira posición e medalla de bronce, logo de alcanzar os 39.18 metros. Para rematar a xornada, o equipo masculino dos relevos 4×100 con Hugo Sánchez, Adrián Javier Pardo, Raúl Sánchez e Martín Vázquez, conseguía sumar outro podio coa terceira posición autonómica e unha marca de 46.88 segundos.

© Federación Galega de Atletismo

En canto ao equipo feminino, Antía Pernas conseguía a medalla de ouro nos 100 metros lisos cun mellor rexistro de 12.66 segundos. A compañeira Antía Fernández non puido entrar na final, pese a rexistrar 13.58 segundos e quedar moi preto das atletas que pasaban a esta última rolda da proba. Nos 1.500 metros, Estela Díaz sumaba outra medalla de ouro nunha apretada final da que conseguía saír vitoriosa, cunha marca de 4:56.08. Nos 400 metros valados, Eva Díaz entraba na oitava posición detendo o crono nos 1:11.69, a escasas milésimas das marcas das demais atletas. Carla Díaz, nos 2.000 metros obstáculos, lograba facerse coa medalla de prata, cruzando a meta cun tempo de 8:02.52.

No salto de lonxitude, Antía Pernas repetía medalla de ouro cun mellor salto de 5.10 metros, mentres que Antía Fernández conseguía rozar a medalla coa cuarta posición, rexistrando 4.72 metros no seu mellor intento. Xa para rematar, o equipo feminino alzábase coa vitoria autonómica nos relevos 4×100, no que tomaron parte Antía Fernández, Eva Díaz, Antía Pernas e a nosa filial Helena Celada, do CCA Ría de Foz, conseguindo xuntas un tempo de 52.32 segundos e a merecida medalla de ouro.

[See image gallery at www.atletismolucus.org]


© MM Cidade de Lugo – El Progreso

De volta na capital, na mañá do domingo tiña lugar unha nova edición da Media Maratón Cidade de Lugo, á que sumarían unha carreira de 10 km.

Tamén nesta xornada competitiva houbo grandes resultados para o Club. Nos 10 km, Ángel Rábade entraba na segunda posición da clasificación xeral e no primeiro posto da súa categoría; podio que completaba María José Montenegro, rematando tamén primeira da súa categoría. Dositeo Pena facíase co noveno posto na categoría específica.

Nos 21 km, Esteban Iglesia acabou segundo na clasificación xeral e primeiro por categoría; Carlos Villamor conseguía a sexta posición xeral e a segundo por categoría; Daniel Pérez acababa sétimo e cuarto, respectivamente, e Nicolás Arrojo oitavo e quinto, tamén de xeito respectivo. Tampouco tardaron en cruzar a meta Gerardo Raposo e Rubén Arroxo, que finalizaban no sétimo posto e no 24 nas súas categorías; seguidos por Carmen Novo, que conseguía a medalla de ouro por categoría.

[See image gallery at www.atletismolucus.org]

PARABÉNS A TODAS E TODOS POLA PARTICIPACIÓN E POLOS RESULTADOS OBTIDOS!!

Enlace con la noticia original: GRANDES RESULTADOS PARA O CLUB NAS ÚLTIMAS COMPETICIÓNS (16-22 maio 2022)

Mas noticias relacionadas