MEDALLEIRO FEMININO NOS NACIONAIS SUB23 E SUB20 AO AIRE LIBRE

Publicado por: Lucus Atletismo

Excelentes os resultados que deixaron as nosas atletas nas competicións nacionais dos últimos días en distintos puntos do territorio español, onde se disputaron os Campionatos de España SUB23 e SUB20 en pista ao aire libre, pechando a tempada 2020 e dando comezo á nova pretemporada neste contexto atípico.

CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23 (26-27 setembro, Sevilla)

Adi Iglesias e Santiago Rozas en Sevilla.

Por un lado, Adi Iglesias e Santiago Rozas participaban no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23 que se disputaba en Sevilla, no sector da velocidade e dos valos. Santiago Rozas, na proba dos 110 metros valados, conseguía rexistrar unha marca de 15.36 na rolda semifinal, quedando a un único posto da final e converténdose no noveno atleta a nivel nacional da categoría.

Pola súa parte, Adi Iglesias triunfaría nas probas de velocidade. Nas semifinais dos 100 metros lisos quedaba 2ª na súa serie cun rexistro de 12.45, que melloraría ata os 12.30 na rolda final, conseguindo a medalla de bronce e converténdose na terceira mellor atleta española da súa categoría. Nos 200 metros lisos, repetiría as sensacións clasificándose para a final cun tempo de 25.11, na segunda posición da súa serie e logrando a segunda medalla de bronce na rolda final da proba, cunha marca de 25.34 coa que confirmaba a súa velocidade no panorama nacional.

 

CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB20 (3-4 outubro, Madrid)

Xa na súa categoría, sería Uxía Sureda quen tomaría parte no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB20 que se disputou no Estadio Vallehermoso da comunidade de Madrid, onde se daban cita as figuras máis destacadas da categoría nesta última competición en pista ao aire libre. Uxía Sureda participaría no lanzamento de xavelina, cun mellor lanzamento de 35,78 metros que a alzaban ao terceiro posto nacional da proba, levando consigo a medalla de bronce e rondando a súa MMP da tempada.

[See image gallery at www.atletismolucus.org]

© Imaxes propias e tomadas da RFEA (Miguélez Team).

GRANDÍSIMA NORABOA, ATLETAS!

Enlace con la noticia original: MEDALLEIRO FEMININO NOS NACIONAIS SUB23 E SUB20 AO AIRE LIBRE

Mas noticias relacionadas