Publicado por: F.G. Atletismo
O atletismo galego enfróntase a unha nova realidade que, ata hai moi poucos anos, parecía allea ao desenvolvemento habitual das competicións oficiais en Galicia. As altas temperaturas e os episodios de calor extrema, cada vez máis frecuentes e intensos, están a ter xa unha repercusión directa na celebración de campionatos e probas ao aire libre, obrigando incluso á súa suspensión por motivos de seguridade.
Ao longo deste ano, a Xunta de Galicia emitiu varias alertas por calor extrema que condicionaron de maneira evidente a actividade deportiva prevista no calendario autonómico. Algúns dos casos máis significativos producironse o pasado 4 de xullo coa suspensión do Campionato de Clubs Sub16 en Lugo, ou a modificación do horario do G.P. Cidade de Vigo que permitiu “in extremis” a súa celebración, decisións que exemplifican ata que punto o impacto das condicións meteorolóxicas estivais deixoron de ser unha hipótese para converterse nun factor determinante na organización das competicións.
Ata o de agora, cando se falaba de ameazas climáticas para o atletismo galego, o pensamento dirixíase case de forma automática ao inverno: choiva intensa, vento, frío ou temporais que podían afectar o desenvolvemento das probas. Porén, o contexto mudou. O verán, tradicionalmente asociado a unha maior estabilidade meteorolóxica e a condicións favorables para a práctica deportiva, comeza tamén a presentar riscos que non poden ser ignorados. As alertas por calor, as recomendacións sanitarias e a necesidade de protexer a saúde de atletas, técnicos, xuíces e público están a introducir un novo elemento de incerteza na organización da tempada.
Esta situación obriga a abrir unha reflexión profunda no seo do atletismo galego. Non se trata só de resolver incidencias puntuais, senón de asumir que estamos diante dun cambio estrutural que esixe revisar criterios de planificación, localización e distribución das probas no calendario oficial. Será necesario valorar con maior detalle as datas de celebración dos campionatos, as franxas horarias máis axeitadas, as condicións das instalacións e mesmo a conveniencia de descentralizar ou recolocar determinadas especialidades en función das previsións climáticas e da vulnerabilidade de cada escenario, e todo elo sen deixar de encaixalo ca celebración dos distintos campionatos de España ou da dispoñibilidade real das instalacións e infraestructuras atléticas existentes na nosa comunidade.
Os estamentos do atletismo galego teñen por diante o reto de incluir esta nova variable á hora de repensar o seu calendario para garantir competicións seguras, viables e sostibles. As suspensións derivadas das alertas por calor non deben interpretarse como feitos illados, senón como sinais dun escenario cambiante que demanda un revisionado do modelo organizativo. O que antes era excepcional comeza a formar parte da normalidade, e iso require por parte do deporte galego, como do conxunto da sociedade, a unha adaptación aos efectos do cambio climático.
O artigo O atletismo galego ante os novos retos do cambio climático publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: O atletismo galego ante os novos retos do cambio climático
