Publicado por: F.G. Atletismo
Esta fin de semana será a gran cita do atletismo máster galego nas pistas do CGTD de Pontevedra, onde terá lugar a partir das 9.45 horas do sábado a disputa do Campionato de Galicia da especialidade
Preto de seiscentos atletas son os que tomarán parte nesta importante cita na que novamente as medidas de control volverán a ser estritas e rigurosas para garantir en todo momento a plena seguridade.
Sen lugar a dúbidas unha das máximas atraccións será a de contemplar o intento do récord do mundo do atleta ferrolá do Atletismo Narón, Pepín Rioseco na categoría M80. Lembramos que xa o pasado 30 de abril lograba o seu cuarto récord mundial nas pistas do INEF de Bastiagueiro sobre a proba dos 800 m. ao marcar un tempo oficial de 2:41.59. Desta ocasión o obxectivo será a plusmarca mundial M80 dos 1.500 m. que está en posesión do tamén extraordinario atleta madrileño Manuel Alonso con 5:47.35.
Ademáis de contar con este importante reto deportivo, salientamos a gran cantidade de atletas inscritos, destacando a participación dos e das medallistas do último campionato de España desenvolto na localidade gaditana de San Fernando, a finais do mes de outubro do ano pasado. Entre eles se atopa o medallista internacional e plusmarquista galego da distancia Juan Morales del Castillo do Marineda quen estará tomando a saída sobre a proba dos 5.000 marcha.
Na categoría feminina importante e destacada presenza da medallista internacional Esther Pedrosa na F60 quen dobrará sobre as probas dos 400 m. e dos 1.500 m. e onde recentemente establecería un novo récord de España sobre a proba da milla en pista cun rexistro de 5:42.18. Seguindo cas carreiras, Luz María Domínguez do Burgas Ourense estará na línea de saída dos 400 m. e os 800 m. co obxectivo de lograr un bo rexistro
Santiago Ferreiro Marzoa do Atletismo Santiago na M35 estará tomando parte tanto en martelo como en martelo pesado ao igual que o campión galego absoluto de combinadas Carlos Ferrer do Atletismo Narón na M60. Por parte femenina e sobre esas mesmas especialidades, contaremos ca tricampeoa de España Ana Abuín da Atlética A Silva na F60. Sen abandonar o sector dos lanzamentos o campión de Galicia absoluto de disco e de España en peso e disco Fran Guzmán do Atletismo Sada, concursará sobre estas mesmas modalidades.
No saltos salientamos a presenza do bicampión de España en triplo e xavelina Basi Bernárdez da Atlética A Silva a quen poderemos seguilo na lonxitude e no triplo.
O artigo O Campionato de Galicia Máster reúnese en Pontevedra publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: O Campionato de Galicia Máster reúnese en Pontevedra