
Publicado por: F.G. Atletismo
A Federación Galega de Atletismo anuncia de xeito oficial o calendario de competición coas probas que conforman o Ranking Galego, un total de 8 probas repartidas ó longo do semestre e nas 4 provincias galegas. As probas están abertas á participación de todo o público, tanto federados dentro e fóra de Galicia como non federados.
29 agosto – Folgoso do Courel (Lugo)
O Courel Mountain Running será o pistoletazo de saída, acollendo o Campionato de Galicia de Carreiras de Montaña con dous trazados moi esixentes. A proba curta constará de 7,5 km e 500 metros de desnivel positivo, coronando o pico do Coto; mentres a proba longa chegará ós 17,4 km e 1450 metros de ascensión. Dous percorridos circulares con saída e meta diante do Concello co Trail Running Center e o Xeoparque Mundial da Unesco como escenarios.
6 setembro – Vilamartín de Valdeorras (Ourense)
Chega o Vertical O Sacauntos, despois da anulación o pasado ano pola vaga de lumes, este ano chega cun esforzo de repoboación considerable. Será Campionato de Galicia de Subida Vertical con 2 distancias: a curta son 2,2km e 510 metros de ascenso mentres que a longa coroará o Alto do Monzón con 4,2 km e 1010 metros de ascensión.
27 setembro – A Baña (Coruña)
Cunha lixeira renovación no circuito longo, será a proba da Serie Ouro do 3º trimestre, donde non só multiplicarán x5 os puntos cada corredor senón tamén contribuirá ó ranking de clubs absoluto e promoción. A Baña foi galardonado na última Gala Anual do Trailrunning galego como a proba con mellor xestión medioambiental, ó tempo que consta duns percorridos moi aclamados polos deportistas asistentes; feitos que contribuiron á súa designación como Serie Ouro
3 outubro – Muiños (Ourense)
O Trail do Xurés, no concello de Muiños estréase no calendario achegando á serra do Xurés, que é compartida con Portugal ós corredores e corredoras. Debuta en calendario oficial dentro da Serie Prata da FGA con trazados xa coñecidos nas montañas sureñas puntuando tanto para as categorías absolutas como as de promoción.
17 outubro – Mañón (Coruña)
O Cabo de Estaca de Bares, ó norte de Galicia será o protagonista nunha proba que sairá da praia de Esteiro, aunando mar, montaña e historia nunha proba que debuta no calendario oficial. Será proba da serie prata con distancia classic e preclssic, e contará tamén con probas para categorías escolares.
7 novembro – Muras (Lugo)
A impoñente Serra do Xistral será o escenario do Trail das Bestas, galardonado no último ano como Mellor Trail de Galicia. Este ano terá o privilexio de puntuar dentro da Serie Ouro e farao tanto nas modalidades classic, para categoría absoluta e promoción como na distancia Maratón.
15 novembro – Moraña (Pontevedra)
O Trail do Acibal vivirá a súa segunda edición puntuando dentro da serie prata da FGA nos montes de Moraña. Contará con 3 distancias que partirán dende o Santuario de Amil con percorridos renovados e buscando unha mellor experiencia de tódolos participantes que poderán escoller 3 distancias, desde a proba de promoción ata a classic que superará por pouco a media maratón.
27 decembro – Lousame (Coruña)
O Trail de Lousame medra ata a distancia maratón para albergar por primeira vez na súa historia o Campionato de Galicia de Trailrunning Maratón. Lousame recibíu o premio ó evento con Mellor Seguridade na última gala anual, sendo un referente neste aspecto para moitas probas en Galicia. Nesta edición contará coas súas 2 clásicas distancias, que pasan polas minas de San Finx e tamén cun novo trazado para a maratón que coroará o Pico Muralla e o Monte Culou que ofrecerán unhas vistas impresionantes entre a serra e a ría de Noia.
Tódalas probas oficiais do ranking galego sumarán puntos ITRA en tódalas distancias, dando así tamén a posibilidade de achegarse ós criterios de selección da RFEA a tódolos atletas tanto galegos como doutra procedencia. A maiores, moitos atletas que compitan fóra de Galicia poderán seguir a incorporar o seu resultado ó ranking galego segundo a normativa aprobada o último ano.
Xornadas de tecnificación TR
O calendario galego contará con 4 xornadas de tecnificación ó longo dos últimos 4 meses do ano donde atletas e adestradores terán a oportunidade de seguir medrando e formándose nunha aposta clara da FGA pola cualificación atlética e profesional:
- 14 Setembro – A Baña (Plan Galego Tecnificación)
- 24 Outubro – Lalín (Plan Galego Tecnificación)
- 14 Novembro – Cuntis (Plan Nacional Tecnificación)
- Decembro (pte. Data) – Vilagarcía (Plan Galego Tecnificación / Aberto)
Iván Sangiao, responsable do sector de trailrunning en Galicia, destacaba a importancia destas xornadas xa que é un esforzo formativo para toda a comunidade deportiva, pois atletas e adestradores poderán seguir profundizando e nutríndose de coñecementos, prácticas e dos últimos avances técnicos, metodolóxicos e científicos.
Foto portada: FOTOS JOSEMI ( Cto de España en Caldas de Reis)

O artigo O sector do Trail Running Galego programa o segundo semestre do ano publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: O sector do Trail Running Galego programa o segundo semestre do ano
