Os ánimos de Roi funcionaron: Festival de éxitos celestes!

Publicado por: Celta Atletismo

Poucas veces un fin de semana trouxo tantas noticias e tan boas á nosa crónica. Os nosos atletas rendiron por o noroeste peninsular deixando un desfile de mínimas, metais, récords e marcas persoais neste Entroido.

  • Salamanca acolleu o Campionato de España sub23 Indoor onde as nosas 5 promesas estiveron á altura da mensaxe de ánimo de Roi Méndez, o sapoconcho máis famoso de Operación Triunfo. A primeira en saltar á pista foi Andrea Nóvoa no Pentathlon. Despois dunhas accidentadas vallas (10’71) e o concurso de altura (1’45) tivo que retirarse do campionato despois de mancarse mentres quentaba para o peso. A súa lesión no peroné impediulle continuar nas 3 derradeiras probas polo que tivo que conformarse coa 13º posición e 1.151 puntos. Na matinal do sábado Raquel Arias competía nas eliminatorias dos 200m. Despois dunha confusión polas listas de saída que lle impediu poder quentar en condicións, foi quen de mellorar a súa marca persoal ata os 26’36; marca que repetiría nas semifinais despois de pasar por tempos, finalizando en 11º posición. Xa na xornada do sábado tarde, Pedro Juncal lanzábase a por un posto na final dos 400m despois dunha pequena lesión que durante o inverno. Finalmente, conseguiu o 14º posto cun tempo de 50’06. Pero o gañador na expedición céltica sería o Luis del Río que demostrou o auténtico significado de Afouteza. Nunha semifinal do 800 que pintaba lenta, o noso xurista decidiu atacar na segunda poñéndose a tirar do grupo con moita vantaxe. Despois do paso polo 400 a 53’26, non foi neutralizado ata a última volta. Malia rematar 4º na súa serie e non poder entrar na final, o esforzo non foi en vano e serviulle para pulverizar a súa marca persoal ata 1:53:51 e conseguir o 9º posto no global. Por último, a saltadora marinense Elvira Okutu participou na lonxitude cun concurso de menos a máis, no que os seus 5,27 do último intento servíronlle para conseguir a 10ª posición. As promesas célticas marchaban así das pistas de La Aldehuela cunha actuación moi digna que foi seguida con fervor dende as bancadas.
  • O CGTD de Pontevedra acolleu o sábado o Campionato Galego de Lanzamentos de Inverno. Os lamzamentos comezaban co triplete no martelo femenino de Irene Gómez (50,81 que supoñen un novo RG sub18 e sub20), Verónica del Río (41,33) e Patricia Correa (40,22); así como o título de Nacho Fernández nos homes (58,45). Na categoría sub20 Pablo Gayo lograría tamén o título con 41’90. Na xavelina de 800g Jonathan Correa lograría a prata grazas ós seus 50,63; mentres que na femenina chegaría unha das mellores novas da xornada. Laura Meira reaparecía 14 meses despois da súa lesión conseguindo uns meritorios 37,16.
  • Na beira do Lérez disputouse simultáneamente o Control de Marcas da SGP cunha ampla representación céltica. O cadete Eric Fernández Feijóo conseguiría a mínima para o Nacional Indoor sub16 (Sabadell, 17-18 de marzo) nos 60m con 7’57. Por outra parte, Lucía Cardesín acadaba a mínima para o Nacional sub20 de Aire Libre (Murcia, 23-24 de xullo) nos 800m con 2:21:28 mellorando a marca que xa lle daba o billete para a pista cuberta.

    Unha representación das célticas en Pontevedra durante o control da SGP. Seguen medrando!

  • No circuito do porto de Aldán (Cangas) celebrouse o XXIX Campionato Galego de Marcha en Ruta onde os nosos marchadores volveron  a recoller metais. Jose Fernández Nieves (2º absoluto) e Brais Prieto (bronce absoluto e campión sub20) demostraron o poderío céltico a nivel masculino, mentres que Iria Rivas conseguiría o bronce absoluto e o título sub18. A actuación destes dous últimos sírvelles para ir convocados coa selección galegaBurjassot (Valencia) no Campionato de España de Federacións Autonómicas de Marcha en Ruta o vindeiro fin de semana.

    Unha prata e os dous bronces absolutos no podio absoluto de Aldán. A marcha é celeste!

  • En Pombal estiveron presentes no Campionato de Portugal indoor no cal Miguel Cajaraville Bea Viteri conseguirían saltar 4,60 e 3,57 na pértega. Pero as grandes protagonistas serían de novo as combineiras Eva Queimaño (3.378pts) e Karolina Puchmertlova (2.874pts) que supoñen as súas mellores marcas desta tempada, así como o 1º e 3º posto no ránking galego.

Por último e dende Madrid o saltador David Martínez conseguía o bronce no Campionato de Madrid Absoluto Indoor cunha nova mellor marca da tempada de 1,96, confirmando que a camiseta céltica está dándolle sorte.

Cada semana David trae boas novas dende que fichou. Xa queda menos para os 2 metros!

Unha fin de semana de actividade constante e satisfacción en todos os estamentos do clube. Noraboa a todos e grazas polo voso apoio!

Próximamente subiremos a galería de fotos do Nacional Sub23 de Salamanca feitas por Agus Juncal detallando a actuación dos nosos.


Enlace con la noticia original: Os ánimos de Roi funcionaron: Festival de éxitos celestes!

Mas noticias relacionadas