Os Sub23 e Sub20 e o de clubs Sub14 marcan axenda na fin de semana

Publicado por: F.G. Atletismo

A actividade atlética continúa esta fin de semana cun amplo programa competitivo que terá como escenarios as pistas de Pereiro de Aguiar e Vigo. Na localidade ourensá disputaranse os Campionatos Xunta de Galicia Sub23 e Sub20, mentres que a cidade olívica acollerá o Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub14.

A coincidencia destas competicións cos compromisos da Selección Galega Sub20 e absoluta impedirá a presenza dalgúns dos atletas máis destacados destas categorías, aínda que o nivel das probas continuará sendo moi elevado.

O Campionato Xunta de Galicia Sub23 e Sub20 dará comezo o sábado a partir das 10.00 horas en Pereiro de Aguiar, nunha competición distribuída en dobre xornada. Nela poderán verse en acción varios dos atletas que brillaron a pasada fin de semana no Campionato Galego Absoluto celebrado nas mesmas instalacións.

Unha das probas máis atractivas será a final dos 100 metros Sub20, na que se agarda un emocionante desenlace con tres atletas acreditados por baixo dos 10.80. Entre eles destaca Adrián Bernárdez, que tamén competirá nos 200 metros e que estivo moi preto das medallas no recente campionato absoluto. Na categoría feminina, Arantxa Vázquez, do Sanysec-Ourense, intentará confirmar o excelente estado de forma demostrado tras proclamarse subcampioa galega absoluta.

Os 200 metros Sub20 presentan tamén un gran interese coa presenza de Sebastián Bascoy (Coruña Comarca) e do propio Adrián Bernárdez (Celta Atletismo), dous dos principais aspirantes ao título.

Outra das grandes atraccións será volver ver sobre a pista a Fabián Vidal (Barbanza), quen chega aos 400 metros despois de asinar unha magnífica marca de 46.68 no pasado autoómico.

Nos 400 metros valos Sub20, o recentemente proclamado campión galego absoluto Leo Rodríguez (Celta Atletismo) parte como principal favorito para facerse co título. xa nas  probas de medio fondo, os 800 metros Sub23 ofrecerán unha nova oportunidade para Estela Díaz (Lucus Caixa Rural), terceira clasificada o pasado sábado  cunha mellor marca persoal de 2:14.19.

Na categoría masculina, Yago Iglesias do At. Noia buscará mellorar o rexistro de 1:51.79 conseguido a pasada semana sobre os 800 m. e nos 1.500 femininos, Sara Guedes parte como principal candidata ao título galego Sub23.

Nos concursos, Gael Couñago tratará de superar a súa mellor marca persoal de 2,01 metros en altura, mentres que a ourensá Manuela Blanco buscará achegarse aos 3,96 metros na pértega.

No triplo salto haberá especial atención ás actuacións de Maruxa Gemperle, na categoría Sub23, e de Carla Díaz (Atletismo Sada), na Sub20.

Na xavelina Sub23 masculina espérase un dos concursos máis destacados do campionato, co duelo entre Alejandro Barbeito (Atletismo Sada) e Álex César (Mazi), este último acreditando unha mellor marca de 56,67 metros. Na competición feminina, Carlota Salgado (Celta Atletismo) volverá competir tras conseguir a medalla de bronce no recente Campionato Galego Absoluto.

No círculo de lanzamentos, todas as miradas estarán postas na internacional Xiana Lago (Ría Ferrol), actual campioa de peso e disco, que volverá ser unha das grandes protagonistas da competición.

Pola súa banda, no martelo Sub20, o subcampión galego absoluto Daniel Villanueva (Sanysec-Ourense) parte como máximo favorito, mentres que no disco Sub20 feminino Gema Dacosta (S.Gimnástica) intentará facer valer a súa mellor marca acreditada de 35,63 metros.

Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub14

A xornada do domingo estará dedicada ao Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub14, que reunirá en Vigo aos mellores equipos galegos da categoría.

Na competición feminina participarán:
S.A. Vila de Vigo, Atletismo Sada, Equilibrio Ferrol, S. Gimnástica, Lucus Caixa Rural, Atletismo Lucense, ADAS CUPA, Atletismo Deza, C.D. La Purísima, Sanysec-Ourense, Atletismo Piringalla, Millaraio, Atletismo Porriño e Atletismo Samertolameu.

Na categoría masculina competirán:
Celta Atletismo, Atletismo Sada, Comesaña Sporting Club, S. Gimnástica, Atletismo Obradoiro, ADAS CUPA, Atletismo Deza, C.D. La Purísima e Xuncas Diversia.

Espérase unha intensa fin de semana de atletismo, con numerosas promesas do panorama galego loitando polos títulos autonómicos e por continuar confirmando a súa progresión nunha das citas máis importantes da tempada.

Campionato Xunta de Galicia Sub20 e Sub23

Campionato Xunta de Galkicia de clubs Sub14

O artigo Os Sub23 e Sub20 e o de clubs Sub14 marcan axenda na fin de semana publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Os Sub23 e Sub20 e o de clubs Sub14 marcan axenda na fin de semana

Mas noticias relacionadas