RESULTADOS dos Campionatos de Galicia de Pista Cuberta (24 e 25 febreiro)

Publicado por: Lucus Atletismo

ctogaliciapc_24-250218_resultados.jpg
 
Grandes RESULTADOS os desta fin de semana na provincia ourensá, colleitados nos CAMPIONATOS DE GALICIA DE PISTA CUBERTA nas distintas categorías e xornadas que tiveron lugar. Nesta ocasión, a representación do Lucus Caixa Rural Galega conseguiu mellorar marcas persoais e volver a casa con varias medallas, segue lendo para coñecer máis!
 
SÁBADO 24 FEBREIRO 
(categorías sub18 e sub20)

A xornada comezaba o sábado para as categorías sub18 (xuvenil) e sub20 (xunior). Nas primeiras horas da mañá, empezaban as probas de velocidade, xunto coa pértega feminina. Encabezando ás nosas atletas, Adiaratou Camara conseguiría rematar na primeira posición a súa serie nas semifinais dos 60m.l., cun tempo de 8.07, logrando un posto na final, na que remataría , pese a non poder optar a medalla pola súa condición provisional de estranxeira. Na proba de pértega, serían as homónimas Raquel Peña Romero e Raquel López Amado as que amosarían o seu potencial logrando o 1º posto por categoría, a primeira delas en sub20 cun salto de 3.00 metros e a segunda no sub18 feminino saltando os 2.45m, conseguindo as merecidas medallas de ouro. Raquel López repetiría na proba de lonxitude, na que cun mellor salto de 4.46m obtivo o 5º posto na categoría sub18; a mesma categoría na que a atleta Lucía López López quedaría nunha 5ª posición na final dos 800m.l., parando o crono nos 2:20.83.
No tocante ás probas masculinas, Andrés Dono Arias e Santiago Rozas Trastoy, nas semifinais da proba dos 60m.l., farían 7.66 e 7.41 respectivamente de marca, pasando este último á final e conseguindo o 4º posto, cun tempo de 7.31. Andrés, que repetiría horas máis tarde na semifinal dos 200m.l., conseguiría parar o crono nos 24.28, malia non obter un posto na final da proba, quedando entre as 7 mellores marcas rexistradas. Xavier Esteban Domínguez, na proba de altura, lograría alzarse co 2º posto superando o listón nos 1.80m, levando consigo a medalla de prata.

Xa pola tarde, serían os nosos e nosas lanzadoras do club as que daban comezo á proba de peso. Nos homes, Pablo Sánchez Pérez faría 9.04m. de marca, a mellor desta tempada e preto da súa mellor marca persoal, facéndose co 4º posto da proba, ao que seguiría Oliver Vázquez López, na 5ª posición, cun lanzamento de 8.44 metros, tamén moi próximo á súa MMP. Na categoría feminina, o podio viría da man de Antía Novo Sande, nova subcampiona galega cun mellor lanzamento de 5.72 metros, acadando a medalla de prata nesta proba. Xavier Esteban repetiría nas probas de salto, esta vez na pértega, proba que finalizou como subcampión da súa categoría e unha marca de 3.10, obtendo a súa segunda medalla de prata da xornada. Na proba dos 60 metros valados, Santiago Rozas proclamaríase campión galego co 1º posto na final, facendo unha marca de 8.43 e conseguindo a medalla de ouro.

resultadosbotn.png


DOMINGO 25 FEBREIRO 
(categorías sub10, sub12 sub14)
 
No tocante ao domingo, foron as categorías menores da Escola de atletismo as que representaron ao Lucus Caixa Rural Galega neste Campionato Galego de Pista Cuberta, tamén en xornada de mañá e de tarde.
A categoría sub10 estivo representada polas nosas benxamíns de segundo ano Marta Díaz e Adriana López nas probas de altura e peso respectivamente. Malia ser a súa primeira vez nun campionato a nivel galego de pista cuberta e os nervios que adoitan experimentarse nestes eventos deportivos, amosaron moita madurez e deixaron claro que o importante é desfrutar da xornada e da experiencia de poder formar parte deste campionato. En canto aos resultados, a primeira delas conseguiu superar unha altura inicial de 0.75m, quedando nos 0.81 condicionada polos nervios, que non lle permitiron chegar á súa mellor marca persoal de 0.90 metros. A segunda, na proba de peso, logrou superar a súa mellor marca da tempada e facer MMP, cun lanzamento de 4.68 metros. Como representante masculino acudiu o benxamín Mario López, que con sete anos e no seu primeiro ano de atletismo conseguiu un posto nas semifinais dos 50m.l. deste campionato galego, moi ilusionado e mantendo a súa marca de 9.19. María Mourelle sería a encargada de representar á categoría sub12 no seu primeiro ano como alevín, rematando a proba de lonxitude coa medalla de bronce e un mellor salto de 3.75m., batindo a súa MMP. Na derradeira categoría, como representante masculino da categoría sub14, tamén no seu primeiro ano como infantil, destacaría Nicolás Núñez, disputando as probas de 60m.v. e altura e converténdose nesta última no campión galego, logo de superar os 1.53 metros que lle darían a merecida medalla de ouro. En canto ás nosas atletas, Antía Pernas e María Quintela participarían nas semifinais dos 60m.l., cuns tempos de 8.58 e 9.11 respectivamente e na que a medalla de bronce sería para Antía na final, conseguindo facer a proba en 8.56. María, de segundo ano, repetiría nos 500m.l., proba que conseguiría rematar parando o tempo en 1:31.55 e facendo a súa mellor marca da tempada. Nas seguintes probas máis longas, foron Carla Díaz e Estela Díaz as encargadas de disputar os 1.000m e 2.000m, resp. A primeira delas conseguiu rematar en 3:33.16, obtendo a 7ª posición; mentres que a segunda obtivo o 4º posto finalizándoa nun tempo de 7:34.08; ambas as dúas mellorando as súas marcas persoais e con boas sensacións durante a proba. Nos saltos, Eva Díaz participaría na lonxitude feminina e no triplo salto, tamén mellorando moitísimo as súas marcas persoais malia quedar ás portas de podio, con dous 4º postos que saben a vitoria, cunha destacada participación saltando 4.20m. na lonxitude e 9.12m. no triplo. Neste último, cun gran salto de 9.47m., preto da súa MMP, alzaríase como campiona galega Antía Pernas, obtendo a medalla de ouro e a súa segunda da xornada.

resultadosbotn.png


En resumo, unha experiencia moi enriquecedora para todas e todos os atletas que viaxaron esta fin de semana á pista cuberta Expourense, desde as categorías maiores ás máis pequenas da Escola, varias medallas e moitas mellores marcas persoais, as verdadeiras vitorias destes/as grandes atletas que día a día traballan para conseguir mellorar.

GRANDE NORABOA!!


Enlace con la noticia original: RESULTADOS dos Campionatos de Galicia de Pista Cuberta (24 e 25 febreiro)

Mas noticias relacionadas