Todo listo para IV Saltar na Rúa 2020

Publicado por: S.G.Pontevedra

A Sociedad Gimnástica de Pontevedra volve a traer o atletismo á cidade de Pontevedra. O club, conxuntamente co concello da cidade do Teucro, organizarán a IV edición de Saltar na Rúa o sábado 22 de agosto na Ponte do Burgo.

Despois de tres edicións, este ano traemos a novidade do cambio de escenario porque a recente inaugurada Ponte do Burgo será a nova ubicación. Alí terá lugar esta actividade de promoción na que se busca levar ás rúas distintas disciplinas de saltos, como son a lonxitude, o triplo e o salto con pértega.

Participación dos mellores atletas autonómicos

O evento contará con algúns dos mellores saltadores autonómicos destacando,
especialmente, os atletas do club local.

En salto de lonxitude participarán os tres saltadores que se subiron ao podio no Campionato Galego Absoluto: Pablo Modia, do Atletismo Lucus, e Raúl Cortizo e David Ferrer, ambos da Gimnástica. Ferrer é un dos atletas máis experimentados nesta proba, xa que conta con dous títulos de Campión Galego Absoluto. Ademais, acompañaranlles no foso a subcampioa galega, Lucía Sánchez, da Atlética Lucense; unha das mellores combineras galegas e de España, Alicia Merino do Feminino Celta; e a xoven atleta local, Marta Barragáns, que foi subcampioa galega sub18.

En triplo salto destaca un nome sobre o resto: Alfonso Palomanes levantará a máxima expectación. O atleta da Sociedad Gimnástica, cunha mellor marca persoal de 16,21m, conta no seu currículo persoal con tres pratas en campionatos internacionais, foi campión de España 14 veces e campión galego absoluto en 20 ocasións. Entre os participantes, tamén haberá outra campioa de España. Esta é atleta do Atletismo Negreira, Alba Cuns, que ten unha medalla de ouro no nacional sub16. Completarán a lista de inscritos, catro medallistas galegos, como son Eva Salvado, campioa galega sub23; Matías Moldes, ouro en categoría sub14, ambos pertencentes ao club local; Ariadna Gil, do Vila de Cangas, primeira en categoría sub20 e terceira absoluta; e Pablo Saá, atleta do Celta Atletismo, que foi subcampión galego en pista cuberta.

A última proba será o salto con pértega. O duelo Santi Ferrer, da Sociedad Gimnástica, e Miguel Cajaraville, do Celta, traerá competitividade á proba. O primeiro conta con once primeiros postos en campionatos galegos e o segundo é o vixente campión galego de aire libre. Bea Viteri, con 16 ouros autonómicos, tamén aportará experiencia, veteranía e, por tanto, espectáculo. A eles acompañaranos na colchoneta dous atletas gimnásticos como son Marta González, prata no Campionato de España Máster e Óscar Monteagudo, ouro no campionato galego sub16; e Lola Bouza, atleta do ADAS o Barco, que foi subcampioa galega absoluta.

Protocolo COVID-19

O evento cumprirá co protocolo COVID-19 pactado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. As principais medidas son as básicas para toda a cidadanía: non asistir se se presentan síntomas, manter a distancia social, levar máscara de cara en todo momento (os participantes so poderán rescindir dela no momento específico da competición), lavar frecuentemente as mans…

Especificamente para participar na actividade, tanto os atletas, como o staff terán que firmar un consentimento. A ausencia da sinatura provocará a negación do acceso ao recinto.

Os atletas terán unha cadeira asignada, onde deixarán todas as súas posesións e descansarán entre cada intento. Ademais, terán que portar a súa propia máscara e xel hidroalcohólico.

Cada persoa do staff terá a súa función determinada, pero evitando que se compartan artefactos e espazos.

O público cumprirá as normas ditadas polas autoridades competentes, portando a máscara en todo momento. En ningún momento poderán tocar o material deportivo nin acercarse ao escenario, que estará separado por vallas.

La entrada Todo listo para IV Saltar na Rúa 2020 aparece primero en Sociedad Gimnastica de Pontevedra.


Enlace con la noticia original: Todo listo para IV Saltar na Rúa 2020

Mas noticias relacionadas