Publicado por: F.G. Atletismo
A atleta galega de orixe cubano logra un novo récord nacional nos Xogos do Mediterráneo de Italia, onde remata segunda no concurso
Yulenmis Aguilar volveu demostrar que está de regreso ao seu mellor nivel. A lanzadora galega de orixe cubano estableceu onte un novo récord de España de lanzamento de xavelina, ao alcanzar os 65,39 metros durante a súa participación nos Xogos do Mediterráneo, que se están a celebrar en Italia. A marca permitiulle, ademais, conquistar a segunda posición no concurso.
Aguilar asinou unha serie de lanzamentos de 54,07 /65,39 /55,76 /X /X/ 59,56 metros, sendo o segundo intento o que lle permitiu superar o anterior récord de España, que estaba en 64,17 metros, establecido pola propia atleta no ano 2022.
Este novo rexistro confirma a progresión e a recuperación da lanzadora, pupila de Raimundo Fernández, que este ano regresaba á competición despois de afrontar unha importante lesión. O lanzamento realizado en Italia supón, polo tanto, un importante paso adiante na súa volta á elite do lanzamento de xavelina.
Yulenmis Aguilar, nacida en Cuba e nacionalizada española en 2024, conta cunha destacada traxectoria internacional. Na súa etapa como atleta cubana participou nos Xogos Olímpicos de Río e no Campionato do Mundo de Pekín, aínda que o seu maior éxito internacional ata o momento chegara en 2013, cando se proclamou subcampioa do mundo Sub18 en Donetsk.
Xa como atleta española, Aguilar participou nos Xogos Olímpicos de París, onde conseguiu unha praza de finalista, así como nos Campionatos de Europa de Roma e, máis recentemente, nos de Birmingham, volvendo acadar en ambos os casos a condición de finalista.
O récord de España logrado agora en Italia confirma así a recuperación dunha das grandes especialistas españolas do lanzamento de xavelina e supón un novo fito na carreira de Yulenmis Aguilar, que continúa a súa progresión despois do difícil período marcado pola lesión.
Foto RFEA
O artigo Yulenmis volve ruxir publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Yulenmis volve ruxir
