A calor non derreteu ao invicto Iván Feijoo no Trofeo Federación de Oroso

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tres de tres para Iván Feijoo no Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO). Nin os seus rivais nin a abafante calor do pasado sábado puideron poñer fin no concello coruñés de Oroso á imbatibilidade do sub23 do Academia Postal-Maceda. As diferenzas rexistradas na liña de meta ofrecen unha idea da dureza que se atoparon o centenar de participantes na proba organizada polo Tambre Bike. 

Todas as categorías resolvéronse por unha marxe superior ao minuto e medio, excepto a elite masculina na que Alberto Pedreira (Bici Verde) venceu por menos de 30 segundos de vantaxe. Os indiscutibles gañadores foron Laura Capa (Aleata-Farto) e Anxo Carril (Coruxo) en cadetes, Andrea García (Academia Postal-Maceda) e Xoel Montes (Avanza) en juniors, Zaida González (O Rosal) nas sub23, Desiree Fernández (RSBike) nas elites, Fernando Díaz (Eskornabois) nos máster-30, Marcos Mayo (Noela) nos máster-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) nos máster-50/60. 

Nun circuíto técnico a esixencia incrementouse de xeito notable pola alta temperatura. "Sabía que se ía pasar mal pola calor", sinalou Feijoo, que dende a primeira volta distanciouse en solitario á fronte da carreira raíña masculina: "Despois do arreón inicial collín o meu ritmo e volta tras volta fun aumentando as diferenzas".

O biker de Allariz refozou o seu liderado no Trofeo Federación adxudicándose o III XCO Concello de Oroso cun tempo de 1:22:55. Outro sub23, Pablo Álvarez (Cambre-Renault Caeiro), rematou segundo a 1:33 do ourensán e coa terceira praza na táboa absoluta fíxose o elite Pedreira. O porriñés do Bici Verde superou por 26" nun man a man entre paisanos a Jorge Punzón (Cosmos), que se mantén como primeiro clasificado na xeral elite. 

Catro novos líderes

A falta de dous eventos puntuables para a conclusión deste certame autonómico, dous corredores máster situáronse no máis alto dos seus rankings: Iván Pereira (RSBike) nos máster-30 e Marcos Mayo nos máster-40. Ademais, Desiree Fernández desfixo o empate con Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites e Andrea García (Academia Postal-Maceda) acadou os primeiros puntos dunha júnior. No resto das categorías continúan vestindo os maillots do Trofeo Federación a cadete Sofía Álvarez (Cambre-Renault Caeiro), o cadete Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos), o júnior Marco Nube Lema (Academia Postal Maceda), a sub23 Zaida González, a máster Rocío Blanco (A Forna) e o máster-50/60 José Ramón Castelo (Barbanzabike).

Manuel Mirás, alcalde de Oroso; Luís Rey, concelleiro de Deportes; Amancio Espiñeira, presidente do Tambre Bike; Juan Platas, directivo do Tambre Bike; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo, estiveron presentes na cerimonia de podio coa que se pechou esta cita. O Trofeo Federación realizará a súa seguinte parada este sábado, 8 de xuño, no municipio ourensán de Baños de Molgas coa celebración do II Trofeo Estaciones Vivas XCO. 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: 

Enlace con la noticia original: A calor non derreteu ao invicto Iván Feijoo no Trofeo Federación de Oroso

Mas noticias relacionadas