Publicado por: F.G. Ciclismo
O Club Ciclista Marín foi o encargado de organizar os Campionatos de Galicia de fondo para cadetes, junior e mulleres. Os cadetes Miguel Mera (MMR) e Noela Saa (Maceda); os junior César Pico (Fundación) e Carla Fernández (Meruelo); e as mulleres Mª Jesús Barros (Spol) en elite; Irene Trabazo (Marín) en sub 23 e Marta Barbeito (Hércules) en master, son os novos campións autonómicos.
A intensa xornada de competición iniciouse coa carreira de categoría junior. Foron 71 quilómetros de percorrido con tres subidas ao Alto do Castro, o ascenso ao Alto do Pituco e a subida á Porteliña apenas tres quilómetros antes de meta. Aínda que os primeiros en tentar a fuga foron Roi Domínguez (Fundación) e Adrián Giraldez (Ponteareas), non sería ata o último terzo de carreira e co pelotón moi fraccionado, onde se decidiu o Campionato. No descenso do Pituco lanzou o seu ataque Adrián Barros (Coruxo) que deu alcance aos dous fuxidos e tras excedelos plantouse en meta con máis dun minuto de vantaxe sobre César Pico (Fundación), Brais Cima (Ponteareas) e Manuel Sanpedro (Cambre). Ao cabo estes tres corredores serían quen integraría o podio ao ser descualificado Barros por competir cun desarroio non regulamentario para a súa categoría.
Tras resolverse a proba junior comezou a carreira dos cadetes na que se viviu un novo duelo entre Miguel Mera (MMR) e Manuel Rodríguez (Ponteareas). O ponteareán estreou en Marín o seu título nacional e como tal mostrouse moi combativo formando con Mera e Rubén Raposo (Redondela) a primeira fuga de importancia do día. Con 51 quilómetros de trazado e os homes máis fortes na cabeza os membros de Cortizo e Compostelán tomaron as rendas para iniciar a persecución. Con todo tampouco no pelotón existiu un gran entendemento para tratar de abortar a escapada que chegou a superar o minuto de vantaxe. Foron Miguel Rodríguez e Jorge Fernández (Puenteareas) quenes fixeron de ponte para tratar de dar caza ao fuxidos pero cando apenas quedaban dez quilómetros a meta.
A loita polo Campionato estaba na cabeza e Manuel Rodríguez (Ponteareas) puxo a Mera (MMR) contra as cordas no último porto que con todo foi curto para o seu empeño. Isto permitiu a Mera recuperarse no descenso e alcanzar a meta con suficiente vantaxe para revalidar o seu título de Campión de Galicia cadete. Manuel Rodríguez fíxose co subcampeonato e Jorge Fernández no seu debut como ciclista do Ponteareas acadaba a medalla de bronce.
Todas as categorías de mulleres disputaron o Campionato a unha distancia de 45 quilómetros coa excepción das cadetes que se incorporaron ao pelotón desde a zona de meta cando levaban transcorridos os primeiros 20 kilometros. Gran parte de tensión á proba púxoa a venezolana Joselyn Brea ( Farto), unha corredora destacada no tríatlon e que protagonizou o primeiro intento de fuga da xornada. A súa roda foi todo un reclamo para a campioa elite, Mª Jesús Barros (Spol) que se uniu a Brea decidida a endurecer a carreira. Á porriñesa sumáronse a local Irene Trabazo (Marín) con Inés Castaño (Compostelán) e a junior Carla Fernández (Meruelo).
O grupo de cabeza quedou formada cando apenas se cumprira o ecuador de competición e a incorporación das participantes cadetes fraccionou de maneira definitiva a proba. Tivo que ser a emocionante entrada en meta a que definise os títulos. Primeiro a vitoria de Barros (Spol) que superaba con autoridade no sprint a Brea (Farto). Despois a entrada en solitaria de Carla Fernández (Meruelo). A Campioa junior levou ao seu ronsel a Noela Saa (Maceda) cara ao título cadete. Irene Trabazo (Marín) gañou o pulso baixo o arco de meta a Castiñeiro (Compostelán).
O segundo grupo foi chegando moi fraccionado a meta completando os podios da categoría sub 23 co bronce de Andrea Tome (Farto); a prata de Maria Correa (Farto) e bronce de Andrea García (Maceda) en junior; subcampeonato de Laura Capa (Farto) e terceira praza de Claudia García (Redondela) en cadetes; e o podio master con vitoria de Marta Barbeito (Hércules) e subcampeonato de Mónica Alarcón (Arcadecycles).
Á conclusión da proba procedeuse á entrega de medallas e a imposición da camisola aos novos campións e campioas nun acto no que estiveron presentes o presidente do Club Ciclista Marín, Juan Carlos Ruibal; o presidente da FGC, Juan Carlos Muñiz; o Concelleiro de Deportes de Marín, D, Antonio Traba; e a Alcaldesa, Dna. María Ramallo.
IMaxe: ©Fotocarlosgrafias
Enlace con la noticia original: A carreira do Carme en Marín serviu para vestir a sete campións e campioas de Galicia