A Copa Galicia de Enduro arrancou no Endurrazo con dobrete do Condado Bike

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A sub23 Desiree Duarte e o máster-40 Tony Pérez comezaron mandando na Copa Galicia de Enduro. Os dous representantes do Condado Bike alzáronse cos triunfos nas clasificacións scratch do Endurrazo e prolongaron en Moaña a súa xeira de vitorias unha semana despois de ter vencido nas súas categorías no Open de España de La Adrada. Os 205 participantes que se deron cita na proba organizada polo THC Bike reflexan o auxe desta modalidade en territorio galego. 

Os outros riders que acadaron os primeiros maillots de líderes do certame autonómico foron Mario Fernández (O Rosal) nos juniors; Esteban Paz (VK Bikes) nos sub23; o portugués José Oliveira e Gabriela Vasconcelos (Terras de Bouro) en elites; Borja Caneiro (DH Galicia) e Eva Abadín (Barbanzabike) en master-30; e Carlos José Táboas (Québici – Marcisport) nos masters-50/60. Fóra da Copa Galicia disputarónse dúas competicións máis: nos amateurs fíxose coa vitoria José María Fernández (VK Bikes) e nos cadetes, David Fernández (Avanza).

Dos cinco treitos cronometrados, o Xurado Técnico decidiu anular o primeiro ao finalizar a proba. Esta decisión tomouse debido á rotura dunha pasarela de madeira que obrigou a desviar aos corredores. O resto do percorrido caracterizouse por ser moi completo e variado.

Nun circuíto moi agradecido por todos os corredores, o segundo treito caracterizouse por ser moi longo e físico. Polo contrario, o terceiro foi moi curto e divertido, mentres que o cuarto presentaba un terreo empedrado e o quinto resultou especialmente técnico. 

Duelo entre masters

Por 41 segundos de marxe Tony Pérez anotouse o triunfo na clasificación absoluta. O máster-40 do Condado Bike completou os catro treitos cronometrados en 14 minutos e 9 segundos. O actual campión de España máster-30 superou a Borja Caneiro e ao tamén máster-30 Xacobe Melón (Bici O Con), que remataron separados por 1 segundo. No top-10 da táboa scratch destacou a presenza de dous juniors. Mario Fernández asinou a quinta praza e Nicolás Carrera (Coruxo), a oitava. 

Tamén rubricou un éxito incontestable Desiree Duarte. A sub23 investiu 17 minutos e 16 segundos, avantaxando en tres minutos á máster-30 Eva Abadín. O terceiro posto ocupouno a elite Gabriela Vasconcelos (20:40).

O Endurrazo 2018 pechouse coroando aos seus campións nunha cerimonia á que asistiron Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; María Ortega, concelleira de Muller; Esteban Lorenzo, directivo da Federación Galega de Ciclismo; e Juan Luis Nogueira, presidente do THC Bike. A Copa Galicia regresará o 6 de maio co Enduro Monte Castelo Burela. 

Clasificacións 

Foto: Condado Bike A.D.

 


Enlace con la noticia original: A Copa Galicia de Enduro arrancou no Endurrazo con dobrete do Condado Bike

Mas noticias relacionadas