A Copa Galicia de Estrada Elite e Sub23 busca o seu primeiro líder na Clásica de Pascua

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O pelotón amateur ten este sábado a súa primeira cita da temporada 2018 nas estradas galegas. A Clásica de Pascua – XXX Memorial Francisco Rodríguez Pazos en Padrón alcanza a súa 56ª edición e volve dar o pistoletazo de saída á Copa Galicia de Estrada Elite e Sub23.

A proba organizada polo Club Ciclista Padronés será a primeira das tres puntuables para o certame autonómico. A Volta Ciclista ao Ribeiro e o Trofeo Concello de Pontevedra completan o calendario.  José Luis Mariño (Cambre-Caeiro) defende o título acadado o pasado ano na primeira edición desta Copa. 

A carreira na que a formación do Cortizo-Anova exercerá de anfitrioa arrancará ás 12:00 horas dende a explanada do Souto no municipio sareño. Os 125 quilómetros do percorrido inclúen seis premios puntuables de montaña, con catro ascensións ao Alto de Formaris, ás que hai que engadir o Alto de Bexo e o Alto do Palleiro, primeiro e segundo porto da xornada, respectivamente. A chegada está prevista para ás 15:15 aproximadamente no centro de Padrón. 

Ademais do primeiro maillot de líder da Copa Galicia, na Clásica de Pascua tamén haberá en xogo puntos para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). 

I Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes

Ao día seguinte a quenda no calendario de estrada será para os masters coa disputa do I Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes. A competición organizada polo C.C. Asociación Galega de Ciclistas é a primeira das tres puntuables para a Challenge que organiza esta entidade e, a súa vez, a terceira xornada da Copa Galicia de Estrada Máster. 

José Manuel Regueira (Chantadino) nos masters-30, Rubén Fernández (Norinver) nos masters-40 e Javier de la Fuente (Norinver) nos masters-50/60 chegan vestidos de líderes despois das dúas primeiras carreiras, a Ruta Rosaliana e o Memorial Fernando Abad. (Consulta aquí os rankings)

O concello de Ordes estréase como escenario dunha proba máster. O bandeirazo inicial aos 74,6 quilómetros de percorrido está fixado para as 10:30 horas. 


Enlace con la noticia original: A Copa Galicia de Estrada Elite e Sub23 busca o seu primeiro líder na Clásica de Pascua

Mas noticias relacionadas