A Copa Galicia XCO arrancou con exhibición de Punzón en Montefaro

Publicado por: F.G. Ciclismo

O gran dominador da Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) do 2018 comezou a edición deste ano presentando a súa candidatura para revalidar o título. O elite Jorge Punzón (Cosmos) venceu de xeito incontestable o sábado no XC Montefaro, a cita organizada polo clube Pulpeiros Mugardos e que reuniu a 140 corredores na localidade coruñesa de Ares. 

O conxunto anfitrión fíxose co triunfo na proba raíña feminina por medio da sub23 Sara García e o ao máis alto do podio tamén subiron Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Zaira Vila (Coruxo) en cadetes, Xoel Montes (Avanza) nos juniors, Estefan González (Burgas Bike) nos sub23, Diego Rey (Tambre Bike) nos máster-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos máster-40 e Carlos Otero (BTT Fene) nos máster-50. 

Este evento estreou novo escenario na súa sexta edición e a aposta do Pulpeiros Mugardos agradou aos participantes. A zona do convento de Santa Catalina acolleu unha competición na que brillou o sol e o bo ambiente. Nun trazado duro e técnico o porriñés Punzón estivo intratable. Cun tempo de 1 hora 29 minutos e 40 segundos impúxose con 2 minutos e 34 segundos de marxe sobre o tamén elite Daniel Rodríguez (Coruxo). O terceiro en cruzar a liña de meta foi o sub23 González. 

No resto de carreiras destacou o vibrante final nos cadetes con Miguel Rodríguez (Ponteareas) superando ao sprint a Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos). Tamén houbo emoción ata os últimos metros nos masters-50 coa vitoria de Otero cunha marxe de 17" respecto a José Ramón Castelo (Barbanzabike).

Na cerimonia de entrega de premios, que contou coa presenza de Alma Barrón, concelleira de Deportes de Ares; de Pablo Roca, propietario de Ciclos Roca; e de Alfonso Tajuelo, tesoureiro do Pulpeiros Mugardos, entregáronse os primeiros maillots de líderes da Copa Galicia XCO. Este certame regresará o 27 de abril no Porriño, pero antes disputaranse dúas probas do Trofeo Federación XCO, a primeira delas o vindeiro sábado en Santiago de Compostela. 

 

Foto: Luz Iglesias

 

 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: A Copa Galicia XCO arrancou con exhibición de Punzón en Montefaro

Mas noticias relacionadas