Canal impón a súa lei en Marsella e vence nas Junior Series

Publicado por: F.G. Ciclismo

Xa non hai dúbida. Se Carlos Canal demostrou que era un dos primeiros espadas europeos entre os júniors da especialidade do ciclocrós, na modalidade de cross country olímpico tampouco hai moitos ciclistas que poidan seguir o seu ritmo, como demostrou na cita das UCI Junior Series en Marsella.

O Academia Postal Maceda está decidido a facilitar ao de Xinzo de Limia a posibilidade de confeccionar un calendario que lle permita medirse a moitos dos mellores especialistas do mundo e a saída desta vez a terras francesas foi un exemplo da contundencia coa que Canal é capaz de superar aos seus rivais.

O mesmo deportista antelano mostrábase satisfeito da súa evolución nas últimas semanas: "Estou moi contento de gañar a miña segunda UCI Junior Series, sobre todo nun circuíto tan duro e técnico como este. Demostramos que o nivel é bo e que o traballo que fixemos durante estas semanas é de boa calidade, así que tentaremos manter esta liña nas próximas probas".

Xa cos suficientes puntos para saír na primeira liña, Carlos volveu ser un martelo pilón cun poderoso ritmo que mesmo incomodou a novas promesas como un Charli Aldridge que xa foi campión de Europa ou Harry Birchill. Os dous británicos tentaron engancharse á roda do ourensán, pero ao final, o segundo clasificado quedou a 34 segundos, que mesmo puideron ser máis se Canal non celebrase coa euforia que se merecía o seu triunfo. O terceiro no podio, pola súa banda, superou o minuto cedido na liña de meta.

Texto: La Voz de Galicia

 


Enlace con la noticia original: Canal impón a súa lei en Marsella e vence nas Junior Series

Mas noticias relacionadas