A Selección de Galicia Júnior acada a segunda posición no Trofeo Federación Copa Valladolid

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

A Selección de Galicia Júnior asinou unha moi boa actuación na segunda e última proba puntuable do Trofeo Federación 2019. O combinado dirixido por Guillermo Sande brillou tanto individual como colectivamente na Copa Valladolid 'Memorial Ángel Lozano'. Manuel Rodríguez participou na escapada do día, Gianni Iannelli quedouse a 100 metros de conseguir a vitoria e na clasificación por equipos os representantes galegos obtiveron a segunda praza. 

Rodríguez, 8º na liña de meta da pucelana Cúpula do Milenio, foi un dos grandes protagonistas no percorrido de 119 quilómetros con cinco portos de montaña, todos de 3ª categoría. O ciclista do Ponteareas rodou fugado no treito intermedio da carreira, puntuando segundo no Alto de la Garganta (Km 50) e terceiro no Alto de Montaña de Portillo (Km 59). 

O vento e o terreo escarpado limitaron a 36 unidades o pelotón que se xogou a vitoria nos últimos quilómetros. A Selección de Galicia contou con catro corredores no grupo principal e un deles, Iannelli, estivo a piques de facerse co triunfo. O ciclista do Redondela foi atrapado a 100 metros para a conclusión e rematou 22º. Co mesmo tempo que o gañador Juan Ayuso (Valencia) tamén finalizou Brais Gómez (18º), mentres que Manuel Sampedro fíxoo a 3 segundos no posto 27º. 

Esta actuación colectiva outorgou aos galegos a segunda posición por equipos, igualados a tempo cos gañadores da Selección de Castilla y León. Un total de 28 conxuntos participaron nesta proba coa que se pechou o Trofeo Federación. 

 

 

 

Clasificación 


Enlace con la noticia original: A Selección de Galicia Júnior acada a segunda posición no Trofeo Federación Copa Valladolid

Mas noticias relacionadas