A victoria de Maldonado (Kuota) na etapa de Curtis non altera a xeral da Volta á Coruña

Publicado por: F.G. Ciclismo

O ciclista uruguayo do Kuota Paulino, Anderson Maldonado, atopou premio ao seu ataque a dous quilómetros da meta de Curtis e impúxose na segunda xornada da Volta Ciclista a Provincia dá Coruña.

Maldonado avantaxou en apenas catro segundos a un pelotón no que circulaba o líder que soubo xestionar unha xornada chamada a ser de transición ás portas da cita definitiva deste domingo, etapa reina co ascenso á Garita de Herbeira. Maldonado foi o punto e final á estratexia do combativo Kuota asturiano ao longo de todo o día.

Co “ Chava” Angulo (Rías Baixas) como líder da Volta, foron os membros do Cortizo Anova os encargados de poñer en apertos á camisola amarela. Tras unha primeira xornada na que os de Padrón foron a remolque dos seus rivais, no segundo día iniciaron as hostilidades con Nanclares acompañado por Galarreta (Rías) obrigando ao desgaste dos membros do Froiz por neutralizar as fugas.

Despois faríao Aser Estevez en canto rompía o perfil da carreira pero os grupos da escapada eran remisos a colaborar entre eles e así todos os intentos de fuga que se ían sucedendo eran neutralizados por un pelotón que circulaba rápido e agrupado.

Cando todo parecía que acabaría cunha volata na meta de Curtis produciuse o salto de sete corredores entre os que Maldonado foi o máis agudo para cobrar unha vantaxe suficiente en meta para alzar os brazos. Angulo (Rías Baixas) defenderá mañá o liderado que comparte con outros sete ciclistas.

Última etapa en Cariño

Os cantís máis altos da Europa continental serán o escenario da última batalla desta Volta á Coruña. A ascensión á Garita de Herbeira en plena serra da Capelada con 13 km de subida a un 4,6% preséntase como decisiva para a última camisola amarela da proba nunha etapa con saída e chegada no Concello de Cariño.

Clasificación 2ª Etapa (Xeral)

1º Anderson Maldonado ( Kuota) 3 horas: 05 min. 50 sgs; 2º Antonio Angulo (Rías Baixas) a 4 sgs; 3º Francísco García Rus ( Gs Sport) a 4 sgs

Clasificación xeral individual: 1º Antonio Angulo (Rías Baixas); 2º Alejandro Roupeiro ( Alpo); 3º Martín Lestido ( Froiz) Líder Metas Volantes: Alejandro Roupeiro (Alpo); Líder da Montaña: Sergio Vega ( Froiz); Líder ciclista sub 23: Alejandro Roupeiro (Polartec); Líder 1º Galego: Martín Lestido ( Froiz).


Enlace con la noticia original: A victoria de Maldonado (Kuota) na etapa de Curtis non altera a xeral da Volta á Coruña

Mas noticias relacionadas