Pablo Rodríguez foi o mellor elite español no XCO do Campionato de Europa

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Pablo Rodríguez concluíu 19° no Europeo de Brno (República Checa) de cross country olímpico (XCO) tras protagonizar unha actuación de menos a máis, na que Mathieu Van der Poel foi o gran protagonista. O neerlandés foise ao chan no xiro inicial, pero iso non lle impediu conquistar o título continental elite exhibición mediante. O suízo Vogel e Vader, compañeiro de selección de Van der Poel, acompañaron no podio como segundo e terceiro á gran sensación do ciclismo mundial nunha proba que constou de oito voltas ao trazado checho, onde finalmente non fixo aparición a choiva a pesar de que os prognósticos meteorolóxicos advertían da devandita posibilidade.

O macedao rematou como o mellor clasificado do cuarteto de bikers da selección española, Rodríguez ocupaba o posto 35 ao remate da primeira volta e a partir de entón comezou unha progresión que lle levou a dar caza a David Valero, que se agarrou ao seu ronsel para ir cara adiante tras arrincar a carreira con malas sensacións.

Xuntos foron facendo camiño ata deixar atrás a Colledani, Stosek, Panhuyzen, Schwarzbauer e Blums para finalizar os dous dentro do top 20 deste Campionato de Europa. “Non tiña unha gran posicion na grella de saída, en cuarta fila, e ademais sigo con algo de medo no corpo tras a caída de Lles Gets. Así que se me xuntou un pouco todo e pasei a primeira volta en torno ao posto 35. Aí pensei que a carreira ía ser longa e a partir de entón vin que tiña ritmo nas pernas. Collín o grupo de David e xuntos fixemos un pequeno tándem para ir progresando. Acabamos indo a máis, así que contento a pesar de que non é un súper resultado. Quedo coas boas sensacións que tiven”, explicou o ourensán.

Canal, quinto no Team Relay

Galicia contou con outro representante en Brno. Carlos Canal disputou a proba júnior e formou parte do conxunto do Team Relay.

España acadou a quinta praza na competición de remudas por seleccións celebrada o xoves. O limiao encargouse da primeira volta e viuse cortado debido a unha caída do checho Prudek que lle fixo perder 15 segundos. Canal, nunha posta na que a maioría de ciclistas eran da categoría elite, terminou cedendo a testemuña a Rocío García en 16ª praza a 43” do danés Fini Carstensen, que foi o primeiro en completar o xiro inicial.

Dous días despois, o sábado, o recente campión de España volveu a escena. Na carreira júnior, Canal non atopou desde os compases iniciais o  seu golpe de pedal. Con moi malas sensacións e un certo malestar físico decidiu non forzar, botar pé a terra e centrarse na recuperación para novos obxectivos como o Campionato do Mundo en Mont- Sainte-Anne, a finais de agosto.


Enlace con la noticia original: Pablo Rodríguez foi o mellor elite español no XCO do Campionato de Europa

Mas noticias relacionadas