A Xunta e a FGC entregaron en Noia 120 prendas reflectantes dentro da campaña #EuFágomeVer

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

A Xunta e a Federación Galega de Ciclismo fixeron entregaron o pasado sábado en Noia de 120 prendas reflectantes a deportistas e peóns no marco da campaña #EuFágomeVer, destinada a reforzar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables das estradas. No acto participaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

O obxectivo desta campaña, que hoxe se desenvolveu na estrada autonómica AC-550 (Cee-Ribeira) é concienciar e fomentar condutas responsables e seguras para lograr unha convivencia harmónica entre os distintos usuarios das vías de comunicación.

En concreto, nesta xornada fíxose entrega de 80 cortaventos para ciclistas e de 40 chalecos para peóns, todas elas prendas de alta visibilidade para previr atropelos. No caso dos deportistas, a conselleira destacou que se trata dunha prenda técnica que foi definida polo propio colectivo como a máis axeitada para o exercicio, e que, ademais de ser de cor amarela reflectante, leva inscrita na parte traseira unha chamada de atención aos condutores sobre o respecto ao ciclista: “Metro e medio, unha distancia pequena para unha longa vida”, sinalou Ethel Vázquez.

En declaracións aos medios, a conselleira destacou o esforzo que vén realizando o Goberno galego para reforzar a seguridade viaria de ciclistas e peóns, afirmando que desde o ano 2016 a Xunta leva entregadas case 21.000 prendas reflectantes e ata 2020 prevé entregar 16.800 prendas máis.

Desa forma, Ethel Vázquez subliñou que, en total, entregaranse 37.600 prendas reflectantes ao longo do período de vixencia do actual Plan de seguridade viaria 2016-2020, que está a desenvolver o Goberno autonómico.

Xunto con isto, a conselleira de Infraestruturas referiuse ao traballo que está  a desenvolver a Xunta en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e a Dirección Xeral de Tráfico para a sinalización como rutas ciclistas protexidas de 12 treitos de estradas autonómicas. Unha desas rutas será, precisamente, o treito Noia-Porto do Son-Ribeira da vía na que hoxe tivo lugar a entrega de chalecos, moi frecuentada por ciclistas.


Enlace con la noticia original: A Xunta e a FGC entregaron en Noia 120 prendas reflectantes dentro da campaña #EuFágomeVer

Mas noticias relacionadas