Iván Feijoo repite no Trofeo Federación XCO impoñéndose na Cañiza

Publicado por: F.G. Ciclismo

Na terra do xamón Iván Feijoo saboreou o pasado sábado o seu segundo triunfo no Trofeo Federación XCO 2019. O sub23 do Maceda venceu no  II Trofeo BTT XCO Grupetta Pan de Zarko – Concello da Cañiza unha semana despois de terse imposto na proba inaugural deste certame autonómico. Outros cinco líderes repetiron vitoria nunha cita que congregou a 115 bikers.

O cadete Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos), o júnior Marco Nube Lema (Maceda), o elite Jorge Punzón (Cosmos), o máster-40 Alejandro Trasbach (Racing Cycling) e o máster-50 José Ramón Castelo (Barbanzabike) volveron dominar as súas categorías tal e como fixeran sete días antes en Santiago de Compostela. O cadro de gañadores na Cañiza completárono a cadete Sofia Álvarez (Cambre), a sub23 Zaida González (O Rosal), a elite Diana Blanco (Barbanzabike), a máster Rocío Blanco (A Forna) e o máster-30 Iván Pereira (RSBike).

A Grupetta Pan de Zarko preparou un circuíto con melloras respecto á primeira edición deste evento.  Un trazado de 3.900 metros de lonxitude, de perfil técnico e con rock garden incluído. Malia que a chuvia marcou a xornada, os corredores rodaron moi rápido polo percorrido con saída e chegada no campo de fútbol de Augas Férreas.

Os tres primeiros clasificados na carreira raíña masculina baixaron dos 13 minutos nos seus mellores parciais con Feijoo marcando o récord da xornada cunha explosiva primeira volta que realizou en 11:29. O alaricano foi aumentando en cada paso pola liña de meta a súa diferenza respecto a outro sub23, Pablo Álvarez (Cambre), ata rematar a proba con 1:57 de vantaxe. O podio absoluto foi o mesmo que o da anterior xornada do Trofeo Federación e o terceiro chanzo correspondeulle ao elite Jorge Punzón (Cosmos).

Novas líderes

Máis axustado estivo o duelo polo triunfo nos masters-30 con Pereira vencendo cun marxe de 16 segundos sobre o seu compañeiro de equipo Borja Rodríguez. Darío Otero (Compostelano) finalizou terceiro e conseguiu manter o seu maillot de líder. Os cambios nas xerais limítanse ás categorías femininas coa cadete Sofía Álvarez, a sub23 Zaida González, a elite Diana Blanco e a máster Rocío Blanco situándose no máis alto dos seus rankings.

Coa presenza na entrega de premios de Ana Cerviño, tenente alcalde da Cañiza; de Carlos Rincón, concelleiro de Deportes; de Tito Ramírez, presidente do clube organizador; de Abelardo Otero, representante da empresa Abelmar; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, baixouse ao pano a este evento. O Trofeo Federación voltará o 1 de xuño coa súa terceira xornada puntuable no concello coruñés de Oroso.

 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Iván Feijoo repite no Trofeo Federación XCO impoñéndose na Cañiza

Mas noticias relacionadas