Tony Pérez e Desirée Duarte estrean o palmarés do Enduro ADC Picaraña

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A Copa Galicia de Enduro fixo parada este domingo en Ponteareas para vivir o debut do Enduro ADC Picaraña no calendario autonómico. Nesta estrea douscentos corredores percorreron os montes da localidade pontevedresa e os dous triunfos absolutos quedaron nun clube que competía na súa casa. O máster-40 Tony Pérez e a sub-23 Desirée Duarte selaron o dobrete do Condado Bike na segunda xornada puntuable do certame autonómico. 

A nómina de gañadoras completárona Anxo Carril (Coruxo) nos cadetes, Mario Fernández (O Rosal) nos juniors, Nicolás Carrera (Bike Comp) nos sub-23, Pablo Míguez (Bici O Con) nos elites, Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) nos masters-30, Carlos José Táboas (Québici-Marcisport) nos masters-50 e Toni Ferreiro (Coruxo) na clasificación de E-Bike).

Dos cinco treitos previstos finalmente disputáronse catro e a hexemonía do vigués Pérez tan so a rachou outro máster-40 como José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) no segundo parcial. Ao remate da competición, o gañador da clasificación scratch acumulou un tempo de 20:27, superando por 13 segundos a Vaqueiro, e a terceira praza correspondeulle ao máster-30 Lemos, a 34 segundos do especialista do Condado Bike. 

Entre as mulleres a ponteareá Duarte non deu opcións a súa nai e a máster-40 Isabel Castro (Condado Bike) rematou segunda a  3:06. O terceiro mellor rexistro, a 4:57 da gañadora, correspondoulle á elite portuguesa Gabriela Ferraz (Terras do Bouro).  As tres subiron ao podio para recoller as camisolas de líderes das súas categorías. 

Cambios nas xerais

Os rankings da Copa Galicia presentan novidades no máis alto de dúas clasificacións. Esteban Paz (VK Bikes) asaltou o primeiro posto na táboa elite masculina, mentres que na máster-40 de homes Pérez e Vaqueiro igualan a puntos. No resto de grupos de idade mantéñense ao fronte os defensores dos maillots acadados na VigoBikeContest: Carril nos cadetes, Fernández nos juniors, Carrera nos sub-23, Lemos nos máster-30 e Táboas nos máster-50. 

A primeira edición deste evento organizado pola ADC Picaraña rematou coa entrega de premios na que participaron Benito Márquez, concelleiro de Deportes; Inés Vidal, concelleira de Comercio; José Manuel Portas, patrocinador; Esteban Lorenzo, tesoureiro da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e Óscar Sánchez, directivo da FGC. 

Despois de dúas fins de semanas de enduro consecutivas, a Copa Galicia desta modalidade voltará o 7 de abril coa Baixomiño Enduro Experience. 

 

Clasificacións


Enlace con la noticia original: Tony Pérez e Desirée Duarte estrean o palmarés do Enduro ADC Picaraña

Mas noticias relacionadas