Veloso remata terceiro na Volta a Portugal

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O W52-FC Porto conquistou por sexto ano consecutivo a Volta a Portugal, pero nesta ocasión non o fixo por medio do seu dorsal 1. Gustavo César Veloso rematou terceiro na 81ª edición da Grandíssima que dominou o seu compañeiro de equipo João Rodrigues. O corredor luso arrebatou o xersei amarelo ao seu compatriota Joni Brandão (Efapel) na contra o reloxo final en Porto.

Os dous primeiros chegaron á última xornada igualados a tempo, con Veloso a 40 segundos como terceiro candidato ao triunfo na xeral. O vilagarcián non foi quien de impoñer a súa condición de especialista contra o reloxo no percorrido de 19,5 con saída en Gaia.

Na liña de meta marcou o cuarto mellor rexistro, con Brandão baténdoo por 1" e con Rodrigues, gañador da etapa, rebaixando en 28" o tempo do de Bamio. Líder durante cinco xornadas, Veloso non voltou ter o mesmo golpe de pedal dende a súa caída o pasado mércores en Bragança. Un percance que lastrou de xeito decisivo o seu soño de vencer por terceira vez na xeral final da Volta a Portugal.

Os outros dous representantes galegos na rolda lusa tamén gozaron do excepcional ambiente que se viviu nas rúas de Porto. O estradense Alejandro Marque (Sporting-Tavira) non baixou os brazos malia non ofrecer a súa mellor versión e concluíu 14º na xeral, mentres que o ponteareán Cristian Mota (Miranda Mortagua) acadou o seu obxetivo de completar as dez xornadas de competición e finalizou a súa primeira Grandíssima no posto 88. 

Clasificación 

Foto: Nuno Veiga


Enlace con la noticia original: Veloso remata terceiro na Volta a Portugal

Mas noticias relacionadas