Gomiz supera a Montenegro no desenlace do Trofeo da Ascensión

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Tras dous anos de parénteses, Compostela recuperou o seu Trofeo da Ascensión o día grande das festas. E o pelotón non defraudou, a pesar dos trinta graos de temperatura que fixeron a proba aínda máis dura. Ao final, os que conseguiron terminar a carreira foron chegando en sucesivas ondas.

O triunfo foi para Alejandro Gómiz, do Mutua Levante, que se impuxo no esprint a Martín Montenegro, dos Aluminios Cortizo de Padrón. Ambos asinaron un tempo de 3:02:46 e unha media de case corenta quilómetros por hora, a máis alta prevista pola organización.

A doce segundos entraron outros tres corredores, con Raúl García de Mateos, tamén do Padronés, á cabeza, seguido de Pawel Szostka (Construcións Paulino) e João Fernandes (Fortuna- Maia).

O Aluminios Cortizo foi o equipo máis activo e o máis combativo da tarde. Conseguiu situar a seis dos seus corredores entre os quince primeiros da clasificación xeral. O premio da montaña foi para Elías Daniel Tello (Construcións Paulino) e o das metas volantes (as dúas estaban situadas en Padrón) para De Mateos.

Novos líderes da Copa Galicia

A XIX edición do Trofeo Ascensión foi a segunda proba puntuable para a Copa Galicia Elite e Sub23 de Estrada e as dúas camisolas de líderes cambiaron de propietarios. O Aluminios Cortizo domina agora o ranking elite con De Mateos, que desbanca do primeiro posto a Martín Lestido (Supermercados Froiz), e o sub23 con Gabriel Machado, que adianta a Aarón Mariño (Supermercados Froiz).

O certame autonómico pecharase o 15 de setembro no Memorial Rogelio Acuña-Cidade de Pontevedra. 

 

Fonte: La Voz de Galicia 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Gomiz supera a Montenegro no desenlace do Trofeo da Ascensión

Mas noticias relacionadas