A Volta o Ribeiro exerce este domingo de Campionato de Galicia Elite e Sub23 de fondo en estrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Dous días despois de ter competido en As Pontes polos títulos de contra o reloxo individual, os elites e sub23 galegos volverán medir forzas con outras coroas autonómicas en xogo. Este domingo a Volta o Ribeiro – Ourense Provincia Termal exercerá de Campionato de Galicia de Fondo en Estrada 2019. Na liña de saída de Barbantes Estación, no concello de Cenlle, reunirase ás 10:15 horas un pelotón formado por preto de un centenar de corredores. 

Agárdase unha carreira por eliminación no selectivo percorrido desta clásica ourensá, que cumpre a súa 43ª edición. Nos 130 quilómetros de continuo sube e baixa atravesando, entre outros, os concellos de Ribadavia, Ourense e Maside, a principal dificultade montañosa é o alto San Amaro. Os ciclistas terán que superar esta subida preto do ecuador da carreira e a 20 quilómetros para a conclusión.

O elite Anxo Lorenzo (Aluminios Cortizo) e o sub23 Diego González (Supermercados Froiz), gañadores deste Campionato de Galicia o pasado ano na localidade coruñesa de Culleredo, intentarán repetir éxito formando parte de dous dos equipos máis fortes. A principal ameaza para o conxunto padronés e para o pontevedrés será a estrutura do Vigo-Rías Baixas, que presentará na súa aliñación a Samuel Blanco, vencedor elite este venres do autonómico contra o reloxo. 

Pola súa banda, os representantes do Club Ciclista Vigués, do Team Cycling Galicia, do Ciclismo Oiense, do Aleata Farto e os corredores inscritos de xeito individual buscarán dar a sorpresa. A chegada á liña de meta de Barbantes Estación, pola que se realizarán dous pasos intermedios, está prevista a partir das 13:20 horas. 


Enlace con la noticia original: A Volta o Ribeiro exerce este domingo de Campionato de Galicia Elite e Sub23 de fondo en estrada

Mas noticias relacionadas