As mulleres lideran o festival galego na apertura do Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

O ciclocrós galego viviu este sábado un día histórico na apertura do Campionato de España en Pontevedra. Os corredores anfitrións acumularon nove medallas, catro delas de ouro, e deste xeito cumpriron o obxectivo que se marcaran para a fin de semana: superar as oito presenzas no podio acadadas en 2019 na cidade do Lérez.

O dobrete asinado na carreira cadete por Laura Mira e Uxía Soto foi o momento culminante dunha actuación na que a máster-50A Isabel Castro, o máster-50B Marcial Rodríguez e a máster-40A Natalia Raña venceron nas súa categorías; Andrés Calvete colgouse a prata nos máster-30B; e o cadete Iván Fernández, a máster-30B Rocío Blanco e a máster-40B Sonia Costoya pisaron o terceiro chanzo do caixón.

Na Illa das Esculturas repartíronse quince maillots de campións estatais nunha xornada na que o sol acompañou de principio a fin. O desenlace máis emocionante desatou a euforia na delegación local. A cadete Mira presentábase na recta final por diante de Soto, a súa compañeira na Selección de Galicia. As dúas culminaran unha espectacular remontada despois de pasar fóra das posicións de podio ao remate da primeira das tres voltas ao circuíto.

A ponteareá Soto logrou situarse á fronte da proba no segundo xiro e no treito final a porriñesa Mira apareceu dende atrás para facerse co título. “Non me vin abaixo e seguín ata o final. Na última volta, antes do box, sentinme moi forte e apertei a tope”, comentou a vencedora. O podio completouno Estela Domínguez (Castilla y León).

Un resultado idéntico ao de Galicia asinouno Valencia na carreira cadete masculina. O vencedor Iván Gómez ergueu os brazos por diante doutro corredor da selección laranxa, Pau Martí. O triplete valenciano impediuno o galego Iván Fernández superando ao esprint a Raúl Mira. Ricardo Buba, campión de Galicia e unha das sensacións da temporada, tivo que conformarse coa sétima praza.

O podio que se lle resistiu ao combinado autonómico foi o júnior. Igor Arrieta (Navarra) exhibiuse alcanzando a liña de meta con medio minuto de marxe sobre un grupo encabezado por Aitzol Sasieta (Euskadi) e Alain Suárez (Cantabria), segundo e terceiro respectivamente. Na loita pola terceira posición estivo metido ata prácticamente o final o galego Jorge Fernández, concluíndo quinto.

Masters

A conta de medallas dos anfitrións abriuna na primeira carreira do día o máster-50B Marcial Rodríguez defendendo as cores da Selección de Galicia. Representando tamén ao combinado local Andrés Calvete terminou segundo na clasificación máster-30B que se anotou José Luis Blanco (Asturias), mentres que Manuel Armada (Galicia) fixo sexto nos máster-40A que se resolveron con triunfo de Agustín Navarro (Asturias).

O botín máis grande de metais para Galicia chegou na carreira máster feminina. Isabel Castro (Condado Bike) foi a máis forte de todas as participantes e levouse o ouro nas máster-50 A. A ponteareá superou en minuto e medio á máster-30 Isabel Borrero (Superprestigio),  e terceira foi Natalia Raña (Galicia), vencedora nas máster-40A. O póquer galego de podios nesta proba completárono Rocío Blanco (Galicia) nas máster-30B e Sonia Costoya (Corbelo) nas máster-40 B.

Domingo

O campionato estatal pecharase est domingo cos tres pratos fortes do evento. Os encargados de abrir a xornada serán os sub23 masculinos (10:00). A continuación, producirase a pugna polas coroas femininas elite/sub23 e júnior feminina (11:30) e para rematar chegará a traca final cos elites masculinos (13:30). Nesta sesión matinal tamén se celebrará a primeira edición da Carreira Inclusiva (12:40) para deportistas con capacidades diferentes.

Clasifiacións


Enlace con la noticia original: As mulleres lideran o festival galego na apertura do Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

Mas noticias relacionadas