Pablo Rodríguez e Carlos Canal subiron ao máis alto do podio na penúltima proba do Open de España XCO

Publicado por: F.G. Ciclismo

Festival galego no Open Villuercas, terceira e penúltima proba do Open de España de Cross Country Olímpico (XCO) Cofidis. Dúas vitorias e outros cinco podios foron o excelente balance dos nosos representantes na localidade extremeña de Cañamero. Pablo Rodríguez (MMR Factory Team) venceu e asaltou o liderado nos elite e sub23, Carlos Canal (Academia Postal – Actyon – MMR) impúxose entre os juniors nunha carreira na que Adrián Barros (Coruxo) obtivo a terceira praza e tamén subiron ao caixón Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) nas cadetes, Manuel Ángel Parada (Rsbike Boiro) nos masters-30 e Samuel González (Salvaterra) e Irene Trabazo (Marín) en sub23. 

A carreira elite- sub23 foi a máis espectacular e emocionante pois ofreceu alternativas desde a volta inicial. Os tres grandes favoritos, Rodríguez, Valero (MMR Factory Team) –completou a primeira volta en 13ª posición- e Carlos Coloma (Primaflor- Mondraker), quedaron atrasados na saída por enganchóns e tapóns, e Javier Pozas (Delikia- Kross) aproveitou a circunstancia para coller a cabeza e marcharse en solitario.

Coloma, Rodríguez e o sub23 Josep Durán ( Primaflor- Mondraker) formaron un trio perseguidor que terminou dando caza a Pozas e xa na segunda volta a carreira comezou a tomar forma: o ourensán do MMR Factory Team estableceuse como líder, Coloma situouse segundo e Valero, remontando desde atrás, tomou a terceira posición. Pozas viuse lastrado na parte final da proba por problemas mecánicos que lle fixeron afundirse e concluír sexto, xusto por diante do vigués Samuel González, que asinou a segunda praza entre os sub23.

No último tramo de carreira, Valero tamén logrou alcanzar e pasar a Carlos Coloma para asegurarse a segunda posición e certificar por segunda carreira consecutiva o dobrete do MMR Factory Team. A alegría do conxunto asturiano foi dobre, pois Pablo Rodríguez, con este segundo triunfo consecutivo no Open de España XCO Cofidis, é o novo líder da xeral tras a ausencia de última hora de Jofre Cullell (Megamo Factory Team) por problemas de saúde e ben podería revalidar o seu título na última cita de Alcalá de Henares, que terá lugar o 3 de xuño.

Juniors

Con opción de facerse co título tamén se atopa Carlos Canal. O limiao continúa segundo no ranking júnior, pero recurtou distancias co líder David Campos (Primaflor- Mondraker) grazas a súa vitoria no Open Villuercas. O biker do Maceda fixo valer o seu gusto polo barro, como bo especialista en ciclocross, e venceu con 1:19 de vantaxe sobre Campos. O terceiro posto, a 3:29, correspondeulle ao vigués Adrián Barros. 

Outro éxito ourensán chegou nas cadetes con Noela Saa. A representante do Academia Postal – Actyon perseguiu o triunfo ata o final e cruzou a liña de meta a 16" da vencedora Andrea Pascual (Alvarito). Aida González, tamén da formación de Maceda, concluíu sétima. 

A colleita de podios galegos completárona Manuel Ángel Parada, que terminou terceiro a 3:40 do vencedor máster-30 Ismael Sánchez (33 Bike) e Irene Trabazo, terceira nas sub23 malia non contabilizar a súa última volta na proba raíña feminina. Tamén acadaron postos no Top-10 das súas categorías Marco Nube Lema (Academia Postal – Actyon – MMR), oitavo nos cadetes, e Manuel Castro (Barbanzabike), cuarto nos masters-50. 

A guinda a esta xornada púxoa o C.C. Maceda recollendo o premio como mellor equipo na anterior xornada do Open de España celebrada en Valladolid. 

 

Máis información e clasificacións


Enlace con la noticia original: Pablo Rodríguez e Carlos Canal subiron ao máis alto do podio na penúltima proba do Open de España XCO

Mas noticias relacionadas