Canal conquista o título júnior e a Selección de Galicia regresa de Navarra con tres medallas

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Broche de ouro para a Selección de Galicia no Campionato de España XCO/XCE/TR. No terceiro e último día de competición no circuíto navarro de Arguedas, Carlos Canal proclamouse campión estatal júnior de cross country olímpico (XCO). O biker de Xinzo de Limia dominou de principio fin a carreira na que o combinado autonómico sumou o seu terceiro metal neste evento, dous deles de ouro.

Canal, que o venres participou no triunfo da Selección de Galicia na proba Team Relay de remudas por equipos, era o gran favorito para a vitoria entre os 70 júniors que se deron cita na liña de saída. O ourensán asumiu o seu papel dende a primeira pedalada e colocouse primeiro para tentar abrir unha marxe que lle dera tranquilidade e lle permitira non arriscar.

O vencedor esta temporada do Open de España abriu un oco  de 15 segundos na start lap, unha marxe que lle custou ampliar nas seguintes voltas. Como principal ameaza atopouse a Jaume Bosch (Illes Balears), que non tirou a toalla en ningún momento. 

Na meta, Canal obtivo o título con 23" de vantaxe sobre Bosch e festexou un triunfo que se lle resistiu o pasado ano, cando rematou segundo no Campionato de España. O podio completouno nesta ocasión Alberto Barroso (Andalucía), que entrou a 1:28 do limiao. A actuación da Selección de Galicia nesta carreira completárona Xoel Montes (21º) e Marco Nube Lema (35º).

Rodríguez, undécimo

Outro biker ourensán que optaba a medalla nesta xornada non puido subir ao caixón na competición raíña masculina. Pablo Rodríguez (Primaflor) rodou en cuarta posición ata a antepenúltima volta na categoría elite, pero ao de Maceda pasáronlle factura nos dous últimos xiros as molestias que arrastraba por mor da súa caída o pasado domingo na Copa do Mundo. Terminou 11º, mentres que Alberto Pedreira (Selección de Galicia) ocupou a 24ª praza. O outro representante do combinado autonómico, Jorge Punzón, abandonou na terceira volta despois de ter logrado a prata o día anterior no Eliminator. 

En canto ás mulleres que defenderon as cores de Galicia, a elite Lara Lois pugnou pola terceira posición na primeira volta e media ata que a grovense viuse obrigada a botar pé a terra por problemas estomacais. Entre as sub23 Irene Trabazo concluíu 6ª e nas juniors Andrea García clasificouse 9ª e Noela Saa, 14ª.

Máis información e clasificacións

 

 

 

 


Enlace con la noticia original: Canal conquista o título júnior e a Selección de Galicia regresa de Navarra con tres medallas

Mas noticias relacionadas