Veiga (Quintena) e Álvarez (Coruxo) gañan en Vilaboa o Campionato de Galicia de Descenso 2018

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Cumpríronse boa parte dos prognósticos e Marco Veiga ( Quintena) e Uxia Álvarez (Coruxo) lograron o título de Campións de Galicia de Descenso na cita celebrada no circuíto de Vilaboa. O de Narón xa sinalara o título autonómico como un dos obxectivos do ano. En 2017 e por un segundo de diferenza só puido ser bronce así que decidiu non dar marxe aos seus rivais e cun descenso perfecto pechou a manga final con 2.46:2, un tempo que enviaba ao defensor do título, Manuel Pellón ( BDM) á segunda praza a máis de catro segundos de distancia. O terceiro posto foi para o santiagués Abel Costoya (Compostelán). Tamén a nova cadete Uxia Alvarez (Coruxo) obtivo a súa camisola de Campioa de Galicia Absoluta feminina ao superar con solvencia ao seu principal opoñente Paula Seoane ( Barbanzabike).

A choiva en plena xornada estival foi un dos principais obstáculos que tiveron que afrontar os ciclistas participantes xa que as condicións do circuíto víronse modificadas pola preséncia da auga entre as dúas mangas. O trazado preparado en Vilaboa polo Club Deportivo Kamikazes transformouse a medida que avanzaba a mañána nun tobogán de barro que impediu que os participantes puidesen mellorar na manga clasificatoria os tempos que obtiveran na cualificación cando o terreo estaba seco.

As categorías de infantís e enduro foron as encargadas de abrir pista fóra de concurso. Tras eles as viron os master 50 coa vitoria para o multidisciplinar Manuel Gómez (Bici Verde) que se impuxo con autoridade ao pechado duelo entre Manuel Paz (Compostelán) e Xan Seoane (Moto Bike) que liquidaron o podio nesa orde. José Manuel Verdía ( Quintena) foi o primeiro dos master 40 por diante de José Montenegro (Moto Bike) e Pablo Mallo (+ Enduro). En canto á clasificación de master 30, o título de Campión de Galicia foi para Diego Alvarez ( Singletrack), o primeiro dos competidores que lograba baixar da barreira dos tres minutos en completar o trazado. A prata na súa categoría foi para Rubén Castro (XBikes) e o bronce para Fernando Rodríguez (Moto Bike).

Entre os mozos, a categoría cadete dominouna Senen Bastos (Avanza) que estivo flanqueado no podio por Rubén Pérez (In situ) e Marco Nube (Maceda). Os junior foron os encargados de establecer os primeiros tempos de referencia con triunfo final de Victor Mariño (X Bikes) quen asinou con 2.54:2 o mellor rexistro e o terceiro mellor tempo absoluto da competición. O internacional galego compartiu podio con Pedro Gonzalo (Bici Verde) e Marco Martínez (Corbelo), segundo e terceiro clasificado respectivamente. A entrada en acción dos sub23 non incomodou o asento de Mariño como tempo a bater. O que máis se aproximo foi Kevin Mendez (Pulpeiros) ao cabo brilante Campión de Galicia da categoría cun tempo de 2.58:0. A prata foi para Yoel Loira (Bici Verde) e o bronce para Anxo López (Tribo do Ñu).

O acto de premiación estivo presidido polo Concelleiro de Deportes de Vilaboa, Francísco Costa que estivo acompañado pro Damián Castellano, presidente do clube organizador e Esteban Sánchez e Begoña Carpinteiro en representación da FGC.

Foto ©Fonsi Mendez

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Veiga (Quintena) e Álvarez (Coruxo) gañan en Vilaboa o Campionato de Galicia de Descenso 2018

Mas noticias relacionadas