Catro profesionais galegos están disputando esta semana voltas HC

Publicado por: F.G. Ciclismo

O ciclismo galego conta esta temporada con seis corredores profesionais de estrada e catro dos nosos representantes están competindo esta semana en probas 2.HC no sur da península ibérica. Delio Fernández (Delko Marseille) e Pablo Torres (Burgos BH) participan na Vuelta a Andalucía – Ruta del Sol e Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) e Alejandro Marque (Sporting-Taviro), na Volta ao Algarve.

Este xoves as dúas carreiras celebraron a súa segunda etapa e en ambas houbo final en alto. En Andalucía, Delio Fernández cruzou a liña de meta situada na subida ás Allanadas (Jaén) a 3:11 do gañador Wout Poels (Team Sky). O moañés ocupou a 45ª posición e a 74ª correspondeulle a Pablo Torres, a 7:59 do vencedor. O coruñés intentou o mércores sorprender en solitario ao pelotón no treito final da primeira etapa, pero non puido impedir a chegada masiva. 

Mentres en Portugal, tamén triunfo o Team Sky. Impúxose Michal Kwiatkowski na subida a Fóia, onde o estradense Alejandro Marque rematou 35º a 53" do excampión do mundo polaco. Pola súa banda, o vilagarcián Gustavo César Veloso finalizou 48º, a 1:58. 

Tanto a rolda andaluza como a lusa disputaranse ata o domingo e os finais de etapa pódense seguir a través de Eurosport 2. 


Enlace con la noticia original: Catro profesionais galegos están disputando esta semana voltas HC

Mas noticias relacionadas