Comunicado da RFEC sobre as condicións nas que se poderá realizar activididade física non profesional ao aire libre

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

O Goberno de España determinou hoxe de forma oficial a través do Boletín Oficial do Estado as condicións baixo as que se poderá realizar actividade física non profesional ao aire libre a partir de mañá, 2 de maio.

Na Orde SND/380/2020 (https://www.boe.es/boe/dias/2020/05/01/pdfs/BOE-A-2020-4767.pdf) detállase que poderán realizar calquera actividade deportiva, incluíndo todas as modalidades do ciclismo que poidan efectuarse nas vías ou espazo de uso público, aquelas persoas maiores de 14 anos a condición de que se realice de forma individual, sen contacto con terceiros e dentro do municipio onde se resida.

Franxa horaria

A actividade deportiva poderá realizarse unha vez ao día entre as 6:00 horas e as 10:00 horas ou entre as 20:00 horas e as 23:00 horas. Estas franxas horarias non serán de aplicación a aqueles municipios e entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, nos que a práctica das actividades permitidas por esta orde poderase levar a cabo entre as 6:00 horas e as 23:00 horas.

Aquelas persoas que requiran saír acompañadas por motivos de necesidade e as persoas maiores de 70 de anos poderán practicar deporte individual e pasear entre as 10:00 horas e as 12:00 horas e entre as 19:00 horas e as 20:00 horas. As persoas maiores de 70 anos poderán saír acompañadas dunha persoa convivente de entre 14 e 70 anos.

Espazos permitidos, advertencias e consellos de hixiene e seguridade

Permitirase realizar actividade física na vía pública, espazos naturais e zonas verdes autorizadas e hanse de evitar espazos concorridos. Non estará permitido o acceso a instalacións deportivas pechadas. A actividade deberá realizarse de forma continuada; en caso de ter que deternos, a parada será o máis breve posible.

Para evitar aglomeracións, a orde reformula o uso do espazo público a favor dos que camiñan e van en bicicleta, nesa orde de prioridade.

Durante a práctica das actividades físicas autorizadas, o Goberno de España recomenda manter unha distancia interpersoal con terceiros de polo menos dous metros, aínda que para a práctica do ciclismo a RFEC aconsella gardar unha distancia maior por seguridade.

A actividade física ao aire libre non a poderán realizar aquelas persoas que presenten síntomas ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19, ou que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto con algunha persoa con síntomas ou diagnosticado de COVID-19.

A Real Federación Española de Ciclismo desexa aclarar que os seguros da licenza federativa e do Carné Ciclista cubrirán as saídas en bicicleta a condición de que se cumpra coas condicións citadas anteriormente, que foron establecidas desde a autoridade competente.

O protocolo sanitario de retorno aos adestramentos para o deporte profesional, de alto nivel e federado segundo noticia do CSD estará listo para o día 4 de maio.

O Consello Superior de Deportes publicará proximamente un novo protocolo sanitario que entrará en vigor o día 4 de maio no que detallará como se realizará o regreso aos adestramentos do deporte profesional, de alto nivel e federado e cales destes grupos poderán levalo a cabo. Podedes atopar máis información a este respecto na páxina web do CSD (https://www.csd.gob.es/es/el-protocolo-sanitario-de-retorno-los-entrenamientos-listo-para-el-dia-4-de-mayo).

 O CSD anunciou tamén que creará un mecanismo interno para atender consultas sobre o retorno á actividade deportiva ao longo das próximas semanas, dada a enorme casuística imperante nun ámbito tan relevante como o do deporte.


Enlace con la noticia original: Comunicado da RFEC sobre as condicións nas que se poderá realizar activididade física non profesional ao aire libre

Mas noticias relacionadas