Fernández (Rosal) e Pérez (Condado) proclamáronse vencedores do Open de España de Btt Enduro 2018

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Mario Fernández (O Rosal) e Tony Pérez (Condado Bike) proclamáronse gañadores do Open de España de btt Enduro que celebrou a súa última cita na localidade asturiana de Tuña.

A Fernández valeulle conseguir a terceira praza para defender o seu liderado na categoría junior na que tivo como principal rival a outro galego, o vigués Nicolás Carreira (Coruxo), recente Campión de Galicia e que foi o gañador na última proba do calendario do Open. O master 40 Tony Pérez (Condado Bike) partía como gañador matemático do Open e favorito na súa categoría e confirmouno coa súa vitoria no Principado.

A participación galega no enduro de Tuña non puido resultar máis exitosa ao lograr a vitoria en cinco categorías. Aos primeiros postos do podio para o junior Nicolás Carreira (Coruxo) e o master 40 Tony Pérez (Condado) sumáronse Desiree Duarte (Condado), vencedora en mulleres absoluta; Borja Caneiro (Dh Galicia) en master 30 e Rubén Rodríguez (Condado Bike) en elite.

Outros galegos destacados entre os cinco primeiros da clasificación foron Manuel Loureiro e Raúl Miranda, ambos os do Coruxo, que foron terceiro e cuarto respectivamente en categoría cadete. Dominio galego en categoría junior no que ademais do triunfo de Carreira e a terceira praza de Fernández sumouse a quinta posición de Pedro Gonzalo (Bici Verde). Pola súa banda, Brais Boullosa (Bici Verde) pechou a súa participación cunha meritoria cuarta posición en sub 23.

O peche do Open de España serviu como último ensaio para os corredores convocados coa Selección de Galicia que participarán no próximo Campionato de España de Enduro o 8 de xullo en Teror (Las Palmas de Gran Canaria). Será a primeira oportunidade na que Canarias acollan un Campionato de España de Btt e farao con motivo do VI Enduro Vila de Teror. Será o quinto nacional dunha modalidade como o Enduro que estreou Campionato de España en 2014 en Maçanet (Cataluña), seguiu en 2015 en Porriño (Galicia), 2016 en Villanua (Aragón) e que en 2017 tivo lugar nel Atazar (Madrid).

CLASIFICACION OPEN ESPAÑA-ENDURO TUÑA


Enlace con la noticia original: Fernández (Rosal) e Pérez (Condado) proclamáronse vencedores do Open de España de Btt Enduro 2018

Mas noticias relacionadas