Histórico triplete nos juniors e dous triunfos máis para os galegos no Open de España de Enduro de La Adrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Exitosa actuación da representación galega no La Adrada Enduro Extrem, segunda xornada puntuable do Open de España de Enduro. Nicolás Carrera (Coruxo) encabezou na provincia de Ávila o triplete dos riders da nosa comunidade na categoría júnior, con Mario Fernández (O Rosal) e Pedro Gonzalo (Bici Verde), na segunda e terceira posición respectivamente. Este resultado histórico tivo continuidade co triunfo de Desiree Duarte (Condado Bike) na clasificación feminina e do seu compañeiro de equipo Tony Pérez na máster-40. 

A complicación dun circuíto moi pendente aumentou polo barro xenerado tras as intensas chuvias do sábado. Nun percorrido dividido en catro treitos especiais, con 1.800 metros de desnivel acumulado e unha distancia de 38 kilómetros, a dificultade foi en aumento. Cada tramo resultou máis complicado que o anterior. 

A vitoria de Carrera chegou cun tempo de 18 minutos e 4 segundos. O corredor do Coruxo superou por 7" a Fernández, que co seu segundo posto asumiu o liderado da xeral do Open de España. O podio 100% galego completouno Gonzalo cun rexistro de 18:21. 

Outro primeiro posto dun ranking que pasou ás mans dun dos nosos representantes foi o de máster-40. Tony Pérez acadou unha cómoda vitoria, distanciándose en 46" de Enrique Santonja (Alcoy). O rexistro de 17:16 do rider do Condado Bike outorgoulle a sétima praza na clasificación scratch. 

A formación ponteareá repetiu presenza no máis alto do podio con Desiree Duarte. Despois de verse obrigada a abandonar na primeira xornada por mor dun problema mecánico, a sub23 galega foi a muller máis rápida en La Adrada. Venceu cun crono de 21:22, acumulando unha vantaxe de 1:02 sobre Miriam Alcántara. 

O Open de España chegará a Galicia na súa terceira xornada. O vindeiro 20 de maio disputarase a Montefaro Enduro Race organizada polo Pulpeiros Mugardos. 

Clasificacións

 


Enlace con la noticia original: Histórico triplete nos juniors e dous triunfos máis para os galegos no Open de España de Enduro de La Adrada

Mas noticias relacionadas