Iago Alonso gañou o VI Trofeo da Estrada e situouse como novo líder máster-30 da Copa Galicia

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Iago Alonso Alonso (Chantadino) asaltou o liderado máster-30 da Copa Galicia tras vencer este domingo no VI Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada que, paradoxalmente, afianzou ao porriñés Juan José Álvarez Cerdeira " Juanillo" do Máster da Louriña como líder provisional da III Challenge Club Ciclista Asociación Galega de Ciclistas (CCAGC), malia perder o primeiro posto no certame autonómico.

En terras dezanas foron segundo e terceiro Rubén Fernández Oliveira do Norinver Cycling Team e Miguel Fernández Cerviño do Ría de Vigo, ambos da categoría Máster 40. Este corredores foron os mellores dun total de 95 ciclistas chegados dos puntos máis dispares de Galicia (por exemplo, de Vigo, Pontevedra, Porriño e Ferrol), Asturias e Portugal para darse cita nesta segunda proba da Challenge, que se presentaba cun formato renovado respecto de edicións anteriores.

Así, mentres que en anos anteriores o trazado consistía en completar unha decena de voltas por Toedo e Aguións, nesta sexta edición da carreira optouse por cambiar por completo a proba. Definiuse un atractivo percorrido " rompepeernas" de 82,3 quilómetros. Deseñouse en liña sen apenas desnivel e, por tanto, foi moi levadeiro nos primeiros 70 quilómetros. Por iso, o pelotón -que partiu pasadas as dez da mañá da rúa 25 de Xullo da Estrada- foi moi activo e non houbo descolgados. A gran competencia entre os ciclistas e a ausencia de desnivel nesa primeira etapa da carreira ofreceu a singular estampa dun pelotón moi vistoso que circulaba a altas velocidades por terras estradenses e por paraxes de municipios próximos como Moraña, Barro, Caldas de Reis e Cuntis. Establecéronse sendas metas volantes nos quilómetros 18 e 56,3 do trazado.

Así as cousas, ata Caldas o pelotón circulou a unha velocidade media de 40,9 quilómetros por hora. Pero desde aí reduciuse a velocidade porque o pelotón tivo que ascender ata Cuntis para dirixirse logo por Portela cara Souto de Vea e, desde aí, emprender a subida cara á Estrada por Vexa e as parroquias estradenses de Cora, Santeles e Aguións.

Foi nesa segunda etapa da proba  cando varios ciclistas escaladores protagonizaron unha escapada, conseguindo así sacarlle unha vantaxe de aproximadamente 30 segundos ao pelotón. Pero Juanillo e o seu equipo non estaban dispostos a deixar escapar a oportunidade de afianzar o liderado do porriñés na Challenge con esta segunda proba disputada na Estrada. Así que, segundo relatou o porriñés a FARO, o seu equipo agrupouse "ao pé" da pendente de Aguións e púxose a traballar para conseguilo. Deste xeito, Juanillo -que volveu facer gala da súa condición de sprinter- lograba recortar distancias e clasificarse segundo na súa categoría, Master 30, chegando a meta por detrás de Iago Alonso, que lle arrebataba así o liderado na Copa Galicia. En terceira posición de Master 30 clasificaríase Javier Freire Cea do Pino Montaevai.

Xa na categoría Master 40, alcanzaban a meta, por esta orde, Rubén Fernández Oliveira, actual líder da Copa Galicia na súa categoría; o vigués Miguel Fernández Cerviño, terceiro onte na clasificación xeral; e os asturiano Marcos Hevia Suárez do Huerces C.D., que agora lidera a Challenge en Máster 40.

Xa na categoría Máster 50-60, onte venceron, por esa orde, Javier de la Fuente Lago do Cycling Team Cabanas, actual líder da Copa Galicia e da Challenge na súa categoría; Juan Adolfo Fernández Prendes do Master da Louriña; e José Carlos Vila Correa do Ría de Vigo.

Na clasificación xeral, o equipo Master da Louriña proclamouse vencedor onte no VI Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada, cuxos trofeos entregou o edil de Deportes da Estrada, Ismael Pena Villamayor, e no que se deron cita ciclistas dos seguintes clubs: Asociación Galega de Ciclistas, Betanzos, Bicis Oliveira, Caimanes Betanzos, Chantadino, Huerces, Illas Cíes Cycling Team, Master Morrazo, Picos de Asturias, Ría de Vigo, Tambre Bike, O Pino Montaevai, Orensano, Igarobikes Racing Team, Vilalba-As Pontes, Arcade Cycles Team, Cangas, Código Atlántico, De la Fuente, Bueu, Cidade de Oviedo, Norinver Cycling Team, Compostelano, Cycling Team Cabañas e Farto.

 

Fonte: Faro de Vigo

Foto: Club Ciclista Chantadino 


Enlace con la noticia original: Iago Alonso gañou o VI Trofeo da Estrada e situouse como novo líder máster-30 da Copa Galicia

Mas noticias relacionadas