O ciclismo galego dase unha homenaxe este sábado en Lalín coa sua Gala anual

O ciclismo galego dase unha homenaxe este sábado en Lalín coa sua Gala anual

Tema: 

Un día ao ano os ciclistas galegos reúnense sen bicicletas de por medio para celebrar a súa Gala. Un evento organizado pola Federación Galega de Ciclismo que este sábado terá como escenario o Auditorio Municipal de Lalín. A partir das 18:00 horas arrancará esta festa na que se premiará aos mellores corredores do 2017 e na que se entregarán catorce Mencións Especiais.

Entre os ciclistas que subirán ao escenario estarán o preto de medio cento de vencedores dos Rankings FGC 2017 das distintas modalidades: Estrada, Ciclocross, BTT XCO, BTT Maratón, BTT Enduro e BTT DHI.

Ademais de premiar aos mellores no calendario autonómico, tamén se homenaxeará a aqueles que ocuparon postos de podio nas clasificacións finais dos opens e copas de España. Concederanse 20 galardóns por este motivo, dobrando a cifra do ano anterior.

Do mesmo xeito, recoñeceranse os éxitos nos Campionatos de España. Ata en dez grandes citas estatais houbo representación galega no podio e a nómina de medallistas superou a trintena.

Mencións Especiais

 Tres resultados deportivos excepcionais forman parte do capítulo de Mencións Especiais e un deles protagonizouno un corredor que este sábado estará na súa casa. O lalinense Javier Busto proclamouse campión de Europa de BTT Maratón máster-35 e na Gala do Ciclismo Galego recibirá o aplauso dos seus veciños e compañeiros de fatigas. Outro título continental acadouno a máster-40 Teresa Barreira na especialidade de BTT Ultramaratón. En canto ao calendario de estrada, o gran triunfador no 2017 foi Martín Lestido, gañador das dúas voltas elite e sub23 que se disputan en Galicia.

Moitos éxitos ao máximo nivel ao longo da súa carreira acumulou Eva Castro, a rider de Oleiros que vén de colgar a bicicleta. Será homenaxeada pola súa traxectoria, ao igual que o árbitro Sinesio Vázquez Barrio, Juan Martínez Rey pola súa labor como directivo no Club Ciclista Ferrol e Supermercados Froiz polos seus 30 anos como patrocinador.

O compromiso con este deporte tamén é o motivo de outorgarlle o ‘Premio Ciclismo Seguro’ a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia; o ‘Premio Aposta polo Ciclismo’ á firma Anova; e o ‘Premio Comunicación’ ao equipo de xornalistas deportivos de La Voz de Galicia en Vigo.

O galardón de mellor evento deportivo recaerá  no DHU Vila de Sarria e o de promoción do cicloturismo ao Gran Fondo Ézaro – Costa da Morte, mentres que a AD Avanza será recoñecida polo seu traballo coa canteira e o Club Ciclista Ponteareas por promover un ciclismo sen barreiras.


Publicada en: O ciclismo galego dase unha homenaxe este sábado en Lalín coa sua Gala anual» target=»_blank»>F.G. Ciclismo

Mas noticias relacionadas