O galego Iñigo Rodríguez (Aldro) estrea o seu palmarés na Volta a Salamanca

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O galego Iñigo Rodríguez ( Aldro  Team) estreo o seu palmarés de vitorias no ano do seu debut como  sub 23 ao impoñerse no sprint da cuarta e última etapa da Volta a  Salamanza. O ciclista vigués foi o vencedor da etapa que finalizou na rúa María  Auxiliadora da capital salmantina tras completar 105 quilómetros de percorrido entre Santa Marta e Salamanca.

A última xornada da rolda charra estivo marcada por unha numerosa escapada ao comezo pero que foi perdendo efectivos e na que terminaron sós outros dous galegos: Cristian Mota ( Aldro) xunto a Óscar González (Supermercados  Froiz) ata que o pelotón botóuselles encima pouco antes de chegar á meta. Alí, Iñigo Rodríguez ( Aldro) conquistaba a cuarta etapa ao esprint con 2.18.02 por diante do grupo encabezado por  Leangel  R.  Linarez e  Eloy Teruel. Desta maneira o vigués Iñigo Rodríguez estreouse como  sub23 e deu a  Aldro  Team a súa cuarta vitoria da tempada.

“Cando collemos a Mota fómonos para adiante  Arozamena e eu. Tiña a idea de atacar antes do sprint e como collemos uns metros, apertei ata a chegada e vi que me impoñía”, comentaba o galego, que non entende a reclamación que fixo o equipo do segundo clasificado, o Kuota Paulino. “Había unha rotonda na parte final, que se podía tomar polos dous lados. Eu fíxeno polo máis curto, pero tamén boa parte do pelotón –composto por uns 50 corredores-, entre eles precisamente o que sería segundo, polo que nin fixen nada antirregulamentario nin saquei ningún beneficio”.

Rodríguez comentaba tras baixar do podio que “custa moito asimilalo, estou que non caibo de contento. O primeiro ano na categoría é moi complicado. Sabes que che tes que adaptar, pero ata que non o ves, non te dás conta do que custa. No meu caso, a primeira parte da campaña foi bastante mala, por non facer as cousas como debía. Pero nestes meses cambiei e xa empezan a saírme as cousas. É unha enorme alegría e á parte de agradecerllo a todo o equipo, que foi o artífice deste éxito, e aos auxiliares e directores, quero dedicarllo ao meu avó, que faleceu fai menos dun ano, aos meus pais e a toda a xente que me está axudando”.

A xeral da rolda charra mantívose nas mans de Raúl García de Mateos, xa líder desde a etapa reina do día previo cun tempo total de 09:23:53, seguido de  Eloy Teruel (Mutua Levante- Bioracer) a só 21 segundos, mentres que Alejandro Roupeiro (Polartec-Fundación Contador) completou o podio a 34 segundos. 

Por último, o resto de clasificacións menores da xeral foron nesta Volta a Salamanca para Antonio Angulo (Rías Baixas) a da montaña, a de métalas volantes foi Francisco García  Rus ( GSport- Wolfbike), que levou tamén a combinada, a da regularidade para  Eloy Teruel (Mutua Levante- Bioracer) e a xeral da categoría  sub-21 conquistouna Alejandro Roupeiro (Polartec-Fundación Contador). O mellor equipo nesta 47 rolda charra foi o  Aldro  Team cun tempo de 28:13:50.

Texto ©FGC/Aldro Team

Foto ©El Pelotón

Clasificacións completas


Enlace con la noticia original: O galego Iñigo Rodríguez (Aldro) estrea o seu palmarés na Volta a Salamanca

Mas noticias relacionadas