Previa do Campeonato de la Península Ibérica

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O vindeiro mércores, 1 de maio, con saída en Vistahermosa e final no Mon de Deu (Miradoiro do Miño) na capital da provincia de Ourense, disputarase unha nova edición, a undécima xa, desta emblemática proba ciclista que é unha referencia en todo o territorio da península ibérica.

O Club Ciclista Ourensano, en colaboración coa Fundación ADO Moure-Pro Deporte, organiza esta proba que conta cos patrocinios da Deputacion de Ourense e o Inorde, así como do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Ourense, así como a colaboración de diferentes entidades empresariais.

Despois duns anos apartados dos calendarios federativos por non encaixar a configuración da proba nos regulamentos técnicos en vigor e despois da adecuación destes regulamentos técnicos da Federación Galega de Ciclismo á normativa da Unión Ciclista Internacional para este tipo de probas, déronse as circunstancias que fixeron posible que esta proba volva figurar como proba federada inscrita no calendario da Federación Galega de Ciclismo, dentro da categoría “CICLISMO PARA TODOS” o que fai que poidan participar na mesma corredores@ s desde 15 anos en diante.

Na proba poderá participar calquer ciclista con licenza federativa, ou con licenza dun día (con inscricións ata 1 hora antes do inicio da proba) que se distribuirán nas seguintes categorías: Cadetes Xuvenil, Sub-23, Elite, Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60, todas elas para homes e mulleres.

A proba terá o seu punto de saída en Vistahermosa ás 10:55 horas, para as categorías Cadetes, M-50 e M-60, e cinco minutos máis tarde tomarán a saída o resto das categorías. As dúas primeiras circularán neutralizadas ata ser alcanzados polo resto dos participantes, momento no que estas categorías comezará a verdadeira disputa da proba.

O percorrido previsto consta de 73,5 km que, saíndo cara á N-120, discorrerá polas localidades de Untes, Santa Cruz de Arrabaldo, Barbantes, Laias, Razamonde, Trasariz, As Chabolas, Ventosela, San Cristobo, Leiro e retorno polo mesmo itinerario ata a cidade de Ourense onde se disputará a chegada no alto do Mon de Deu – Miradoiro do Miño, estando previsto que o primeiro ciclista cruce a liña de meta aproximadamente ás 13:15 horas. Disputaranse dous esprines especiais un ao paso por Leiro e o segundo no paso, de regreso a Ourense, por Barbantes-Estación.

Esta proba cada vez máis prestixiosa, como practicamente todas as edicións anteriores, terá como punto culminante na esixente ascensión final ao Mon de Deu (Miradoiro do Miño), unha curta subida de 2 km e unha pendente media do 13%, pero con puntos onde se eleva a porcentaxe de desnivel ata o 23%, o que proporciona un magnífico espectáculo ciclista que nos trae á memoria recordos vividos a mediados dos anos 80, cando o Mon de Deu era un dos finais de etapa da emblemática e lembrada Volta Ciclista á provincia de Ourense.

Despois dos primeiros momentos necesarios para recuperar o alento da subida e de recuperación co avituallamiento posto a disposición de todos os participantes polas entidades colaboradoras, celebrarase a cerimonia de entrega de trofeos e imposición das camisolas de campións da Península Ibérica aos primeiros clasificados en cada unha das oito categorías que disputan esta 11ª edición da proba.

 

Fonte: Fundación ADO Moure


Enlace con la noticia original: Previa do Campeonato de la Península Ibérica

Mas noticias relacionadas