O Trofeo Federación XCO e a Copa Galicia DHI arrancan esta fin de semana

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Baños de Molgas e Santiago de Compostela darán esta fin de semana o bandeirazo inicial a dous dos certames do BTT galego. Na localidade ourensá celebrarase este sábado a primeira xornada puntuable do Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO) e a capital de Galicia acollerá o domingo a apertura da Copa Galicia de Descenso (DHI). Unha dobre cita coa que comeza o intenso calendario de probas autonómicas no mes de marzo.

O Trofeo Federación XCO estréase esta temporada. A Federación Galega de Ciclismo decidiu dividir o Open de Galicia en dous circuítos independentes. A Copa Galicia desta modalidade arrancará a vindeira fin de semana, mentres que o Trofeo Federación faino co  I Gran Premio Estaciones Vivas, primeira das súas seis carreiras puntuables.

As bicicletas empezarán a rodar en Baños de Molgas ás 16:00 horas coa primeira das dúas quendas de saídas. O C.C. Orensano e a Fundación ADO Moure Pro-Deporte son os promotores desta competición que se disputará nun circuíto de aproximadamente 5 kilómetros.

Adrenalina en Santiago

Ao día seguinte chegará o protagonismo dos riders coa novena edición do Descenso Cidade de Santiago – Toyota Compostela Móvil. O Monte do Pedroso volve ser o escenario un ano máis deste evento, pero a baixada na que se dispararán as emocións fortes presenta moitas novidades. O Club Ciclista Muebles Compostela variou un 90% o trazado para intentar facelo máis espectacular e que se produzan máis diferencias entre os participantes.

Despois da xornada de adestramentos libres con remontes da organización do sábado pola tarde (dende as 15:00 horas ata as 18:00 horas), o domingo os ensaios oficiais iniciaranse ás 8:00 horas e a primeira manga ás 10:30 horas. A segunda e definitiva porase en marcha ás 12:00 horas e a entrega de premios está prevista para as 13:00.

A Copa Galicia DHI 2018 constará de tres probas máis, visitando as catro provincias do territorio autonómico. No 2017 os gañadores do Open desta especialidade foron Marco Martínez nos cadetes, Alejandro Paz nos juniors, César Sánchez nos sub23, Marco Veiga nos elites, Bárbara Iglesias nas mulleres, Diego Félix Álvarez nos masters-30 e José Manuel Verdía nos masters-40.


Enlace con la noticia original: O Trofeo Federación XCO e a Copa Galicia DHI arrancan esta fin de semana

Mas noticias relacionadas