Pablo Torres (Burgos BH) representará a Galicia na Volta a España

Publicado por: F.G. Ciclismo

O Burgos  BH contará co herculino Pablo Torres na próxima Volta a España e dará a Galicia a posibilidade de ter novamente a un ciclista galego na rolda española, algo que non ocorría desde a presenza de Gustavo César Veloso na edición de 2012.

A Volta a España que comeza este sábado en Málaga cunha contrarreloxo individual de 8 quilómetros contará ademais con dúas etapas en Galicia, a xornada 11, o mércores 5 de setembro, a rolda española partirá de  Mombuey (Zamora), entrará por Galicia por  Vilavella (13:37 horas) e finalizará en  Luíntra. A etapa 12, o xoves 6, sairá de Mondoñedo e pasará por Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro, para finalizar en Estaca de Bares.

Coa presenza de Torres rompe un período aciago para os galegos que sempre contaran cun ciclista en cada edición celebrada entre1981 e 2012. Pablo Torres, nacido en Cambre en 1987, conta no seu  palmarés coa vitoria en Volta a Coruña 2010 sendo  amateur. O pasado ano logrou conquistar en Francia o Tour de Gironde e esta tempada acaba de completar unha gran Volta a Burgos. A súa combatividade protagonizando varias escapadas e acadar a camisola de metas volantes e vestir o da montaña en varias xornadas, foi un mootivo máis para convencer ao seu técnico Julio Andrés Izquierdo para formar no oito que o Burgos  BH presentará en liña de saída da Volta. Non estará o seu compañeiro de equipo, o tamén galego Daniel López Parada.

Históricamente, Galicia pode presumir de dar á Volta o corredor con máis vitorias de etapa: Delio Rodríguez que ostenta o récord de 39 triunfos parciais. Delio e Emilio Rodríguez non só participaron senón que a gañaron as edicións de 1945 e 1950, respectivamente.

Os galegos tivemos que esperar á década de ouro dos anos 80 para volver o máis alto do podio da rolda española. Foi en 1986 cando Álvaro Pino logrou a terceira vitoria para a nosa comunidade. O ponteareán disputou a Volta de forma ininterrompida desde 1981 ata o 90 acompañado no pelotón por outro galego como Jesús Branco Villar. O de Rois, que a disputou entre o 83 e o 93, faltando só á edición de 1990, chegou a adxudicarse dúas etapas no 86, ano no que chegou a ser líder, e unha terceira etapa no ano 87.

A popularidade que Pino e Branco Villar deron ao ciclismo galego propiciou que nacese unha gran xeración de promesas. Destacou o ano 1993 co apoio do patrocinio do Xacobeo e o seu “ Pelegrín” ao equipo  Kelme. Nesa edición a Volta finalizou cunha contrarreloxo entre Padrón e Santiago con vitoria na xeral para Tony  Rominger. Foi o ano que Galicia presentou a corredores como Marcos Serrano, José Ángel Vidal ou  Genaro  Prego. Entre ambos, xunto a outros como o ourensán César Pérez no 99 e o 2000, lograron que Galicia mantivese sempre representación na proba.

A Volta do novo milenio foi a carta de presentación de Óscar Pereiro, que se estreou no 2002 co Phonak de Álvaro Pino. Ao ano seguinte sumóuselle o  rosaleiro Gustavo Otero, entón no Cafés  Baqué. No 2004 debutou na rolda española David Blanco, repetindo ao ano seguinte. E no 2006 sumouse á lista de galegos que disputaron a Volta Luís Fernández Oliveira, co Phonak.

A creación do primeiro equipo profesional galego, o  Karpin-Galicia (despois Xacobeo-Galicia) trouxo consigo unha participación récord de galegos na Volta xa que debutou na carreira con Ezequiel Mosquera, Gustavo César Veloso, Gustavo Domínguez, David García e Serafín Martínez a quen se sumaría posteriormente homes como Gonzalo Rabuñal, Delio Fernández e Gustavo Rodríguez, chegándose a contar con sete galegos na edición do 2010.

A polémica desaparición do Xacobeo-Galicia deixou un panorama no que a presenza de galegos na Volta foi testemuñal contando apenas con David Branco formando parte do  Geox en 2011 e Gustavo César Veloso que a disputou en 2012 entón co Andalucía.


Enlace con la noticia original: Pablo Torres (Burgos BH) representará a Galicia na Volta a España

Mas noticias relacionadas