Pellón voou como un kamikaze na apertura da Copa Galicia de Descenso

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O certame máis electrizante do BTT autonómico arrancou este domingo no municipio pontevedrés de Marín, onde o Club Deportivo Kamikazes organizou a primeira xornada puntuable da Copa Galicia de Descenso. Nun percorrido de dous quilómetros con inicio na Lagoa de Castiñeiras, o máster-30 Manuel Pellón rendiu tributo ao nome da entidade organizadora. O piloto do BDM Bike Club exerceu de kamikaze… do espectáculo.

Gañador o domingo anterior do Campionato de España de Enduro, o corredor das Pontes de García Rodríguez non acusou o cambio de disciplina e ofreceu un recital. Pellón foi o máis rápido dos 107 participantes no VI DH Kamikazes, tanto na clasificatoria como na final. Na súa primeira baixada detivo o reloxo en 2 minutos e 37 segundos e na final rebaixou a súa marca en 2".

Aos seus rexistros non se achegou ninguén na táboa scratch nunha xornada marcada pola emoción. Tres pilotos remataron separados por tan so un segundo na loita pola segunda posición absoluta e, a súa vez, polo triunfo na categoría Sub23. Álex Paz (Compostelano) impúxose nesta batalla cun tempo de 2:40.837, Kevin Méndez (Rocasport Giant) asinou un crono de 2:40.951 e Víctor Maríño (XBikes) quedouse en 2:41.885. O Top-5 pechouno o máster-30 Iván Mourelo (DHG Team).

Aínda más vibrante resultou a pugna entre os elites, cos catro primeiros nunha marxe de menos dun segundo. Esteban Paz (VK Bikes) realizou a baixada en 2:45.001 e venceu con 131 milésimas de vantaxe sobre Sergio Peleteiro (Turoqua). Abel Rial (Compostelano) e Javier Fernández (Traviesas) concluíron terceiro e cuarto, respectivamente. 

Dobrete do BDM

Os éxitos do BDM Bike Club non se limitaron ao triunfo de Pellón. A súa compañeira de equipo Estefanía Cabarcos cumpriu co seu papel de favorita na competición feminina e acadou a primeira posición cunha marca de 3:27. Segunda, a 9", finalizou Uxía Álvarez (Coruxo) e o podio completouno Paula Seoane (Barbanzabike).

O cadete Borja Fernández (Coruxo), o júnior Mario Fernández (O Rosal), o máster-40 Miguel Ángel Pintos (Traviesas) e o máster-50/60 Manuel Paz (Compostelano) tamén se vestiron cos maillots de líderes como gañadores desta primeira cita do calendario de Descenso. Marcos Araújo (MRBikes) levouse o trofeo como vencedor da proba de Enduro, competición que non pertence a este certame.

Manuel Santos, tenente alcalde de Marín; Damián Castellano, presidente do Kamikazes; Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e Begoña Carpinteiro, secretaria da FGC, entregaron os premios na cerimonia de clausura. A Copa Galicia descansa no que resta de verán e regresará o 22 de setembro na localidade lucense de O Páramo.

Foto: Melisa González

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Pellón voou como un kamikaze na apertura da Copa Galicia de Descenso

Mas noticias relacionadas