Punzón puxo o broche final á Copa Galicia XCO en Poio

Publicado por: F.G. Ciclismo

Repóker de vitorias para o gran triunfador da Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO). Jorge Punzón (Cosmos) impúxose este domingo en Poio na sétima e última xornada puntuable. Xunto ao líder elite subiron ao máis alto do podio no circuíto de Samieira outros oito gañadores finais do certame autonómico. 

O Club Ciclismo-Triatlón Poio encargouse de poñer o peche con nota. A entidade anfitrioa preparou un percorrido con novidades respecto a anos anteriores. Un trazado menos técnico e no que o centenar de participantes atoparon un terreo ideal para rodar con facilidade. 

"É un circuíto moito máis rápido ao prescindir da subida máis dura", sinalou Punzón, que chegaba ao XI Open BTT XCO Concello de Poio – Movéndonos por Poio co título da Copa matematicamente no peto. O líder elite tivo que responder na primeira das cinco voltas da carreira raíña masculina ao ataque de Alberto Pedreira (Bici Verde). O sub23 Estefan González (Burgas Bike) tamén reaccionou e os tres distanciáronse do resto de competidores. 

Pedreira cedeu na segunda volta e a pugna pola vitoria converteuse nun cara a cara. Punzón tensou a corda en varias ocasións e antes do penúltimo paso pola liña de meta conseguiu abrir uns metros de distancia que resultaron definitivos. O do Cosmos venceu cun tempo de 1:24:45, rubricando o seu quinto triunfo neste certame. "A temporada foi xenial, saíu todo moi ben. Case non tiven avarías, algo moi difícil no XCO, e reservei forzas para este mes de xullo que se fai longo", valorou o tamén gañador da xeral final do Trofeo Federación XCO 2019. 

 A 34 segundos de Punzón rematou González, que con este resultado asaltou a primeira praza do ranking sub23 ante a ausencia do anterior líder Pablo Álvarez. O terceiro posto absoluto en Poio correspondeu a Pedreira. 

A sub23 Irene Trabazo (XSM) dominou sen problemas a carreira feminina por diante da elite Josefina Casadey, biker arxentina. Os vencedores no resto de categorías foron Martín Buba (Coruxo) nos cadetes, Andrea García (Academia Postal – Maceda) e Ismael Rodríguez (Ribadumia) en juniors, Diego Rey (Tambre Bike) nos máster-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos máster-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) nos máster-50.

Maillots definitivos

Despois das citas disputadas en Montefaro, O Porriño, Ferrol, Betanzos, Cambre e Maceda, a segunda edición da Copa Galicia baixou o pano na localidade pontevedresa de Poio coroando aos seus líderes finais. Os maillots definitivos recibíronos Andrea García e Xoel Montes (Avanza) en juniors, Irene Trabazo e Estefan González en sub23, Desiree Fernández (RSBike) e Jorge Punzón (Cosmos) en elites, Diego Rey nos máster-30, Marcos Mayo (Noela) nos máster-40 e Carlos Otero (BTT Fene) nos máster-50. 

A cerimonia de entrega de premios contou coa presenza de Marga Caldas, concelleira de deportes de Poio; Manuel Domínguez, concelleiro da corporación municipal de Poio; Carlos Sánchez, presidente do Club Ciclismo-Triatlón Poio; e Esteban Lorenzo, tesoureiro da Federación Galega de Ciclismo. 

O vindeiro evento no calendario autonómico de XCO será o Campionato de Galicia, o 25 de xullo en Montefaro. 

 

Foto: Fefi Herrero 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Punzón puxo o broche final á Copa Galicia XCO en Poio

Mas noticias relacionadas