Publicado por: F.G. Ciclismo
O corredor do Norinver Cycling Team Rubén Fernández adxudicouse o triunfo na XIV edición do Trofeo Concello de Cangas de Ciclismo, organizado polo local Club Ciclista Cangas, e quinta proba puntuable da Copa Galicia Máster. Fernández impuxo a súa lei desde o principio e entrou en meta en solitario avantaxando ao segundo e terceiro clasificados en máis de dous minutos despois dunha fuga que durou moitos quilómetros. Os tres líderes do certame autonómico venceron nas súas categorías.
Non houbo que esperar moito a que se abrisen as hostilidades nun pelotón que estivo integrado por 109 corredores, menos que outros anos pero con maior nivel, xa que acabou a cifra máis alta dos últimos tempos. En Darbo comezaron a saltar corredores, que foron neutralizados sen maiores problemas, ata que Rubén Fernández atacou na subida a Menduiña. Pronto se fixo cunha renda de 30-40 segundos que se converteu nun minuto ao seu paso por Cangas. A indefinición no grupo permitiu que completase a segunda volta con máis un minuto e que en Bueu levase 2.30. Foi suficiente para acabar a carreira en primeiro lugar.
Fernández venceu tamén na categoría Máster-40, con Eduardo Pajes (Norinver) na segunda praza e José Ramón Cabaña (Chantadino) na terceira. Nos masters-30 gañou Iago Alonso (Chantadino), con Juan José Álvarez (Máster da Louriña) segundo e Javier Freire (O Pinto) terceiro. Nos masters-50 o podio estivo formado por Javier de la Fuente (Norinver), Juan Adolfo Fernández (Máster da Louriña) e Gonzalo Aguiar (Norinver). Nos masters-60 só competiu o luso Joao Marques.
Foto: Norinver Cycling Team
Enlace con la noticia original: Rubén Fernández dominou de principio a fin na Copa Galicia Máster de Cangas