Tony Pérez selou cunha vitoria en Arrasate o seu triunfo no ranking máster-40 do Open de España de Enduro

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Despois de catro meses de paréntese, o Open de España de Enduro 2019 regresou esta fin de semana para resolver os seus rankings finais. Tony Pérez chegaba como líder máster-40 e certificou o seu título impoñéndose en Arrasate (Guipúscoa). O rider do Condado Bike foi un dos seis galegos que rematou entre os tres primeiros da súa categoría nas clasificacións definitivas do certame estatal. 

Pérez gozaba de 130 puntos de vantaxe antes desta quinta e última xornada. No percorrido de 23,1 quilómetros, con catro treitos cronometrados, o do Condado Bike rematou o primeiro parcial por detrás do seu principal rival Enrique Santonja (Alcoy). De aí ata o final, o vigués marcou a pauta e protagonizou os mellores rexistros entre os máster-40. Venceu con tres segundos de marxe sobre Santonja e na táboa scratch ocupou a undécima posición. 

Con tres triunfos en cinco xornadas, Pérez encabezou a clasificación da  súa categoría con 835 puntos, superando en 155 a Santonja. Ao podio da xeral subiu outro galego, Esteban Lorenzo (Bici Verde) con 587. 

Ata Arrasate tamén se desprazou o sub23 Nicolás Carrera (Santa Cruz). O vigués fixo quinto e grazas aos puntos sumados conservou o terceiro posto no ranking do Open.

Nesta proba en terras vascas non houbo representación galega feminina, pero tres riders autonómicas mantivéronse no Top-3 das xerais. Desiree Duarte (Condadob Bike) terminou segunda nas sub23, a mesma praza que lle correspondeu a súa nai Isabel Castro (Condado Bike) nas máster-40 e a Estefanía Cabarcos (BDM) nas máster-30. 

Máis información

 


Enlace con la noticia original: Tony Pérez selou cunha vitoria en Arrasate o seu triunfo no ranking máster-40 do Open de España de Enduro

Mas noticias relacionadas