Tres galegos vestíronse de líderes do Open de España de DHI en Tuña

Publicado por: F.G. Ciclismo

Despois da suspensión da primeira proba polo falecemento dun participante, o Open de España de Descenso (DHI) reiniciouse o domingo en Tuña (Asturias) con tres galegos impoñéndose nas súas categorías. A cadete Uxía Álvarez (Coruxo), o máster-30 Manuel Pellón (BDM Bike) e o máster-40 José Manuel Verdía (CiclosQuintena) fixéronse cos primeiros maillots de líderes. A este triple éxito hai que engadir a terceira posición obtida por Marco Martínez (Corbelo) nos juniors e a segunda praza de Eva Castro (CiclosQuintena) nas elites. 

A Tuña Gravity DH Race disputouse nunha baixada de 1,8 quilómetros e un desnivel ao redor dos 400 metros. Nunha fin de semana cálida e seca o percorrido foise rompendo co paso dos corredores. Nese complicado escenario Pellón bateu por seis segundos a Iván Runzo (Cuetos Bike). O cuarto posto nos masters-30 correspondeulle a Iván Mourelo (DH Galicia) e a novena a Borja Comesaña (Tres Lunas Quereño).

Na clasificación máster-40 os nosos representantes asinaron un dobrete. Verdía superou por menos de un segundo a Iván Blanco (MAIS DH). Miguel Ángel Pintos (Traviesas) rematou sexto. 

Tamén houbo dobre presenza galega nas tres primeiras posicións da absoluta feminina. Castro finalizou a catorce segundos da gañadora, a elite Telma Torregrosa (Premia de Dalt), e terceira foi Álvarez, vencedora cadete. 

O quinto podio autonómico protagonizouno o júnior Martínez, que empregou dez segundos máis na baixada que o primeiro clasificado Edgar Peyra (Premia de Dalt).

No trazado asturiano houbo máis riders da nosa terra entre os dez primeiros das súas categorías: Guillermo Cañas (MAIS DH) 8º nos elites; Víctor Mariño (X Bikes) 5º, Kevin Méndez (Rocasport) 6º e Alejandro Paz (Compostelano) 7º nos sub23; e Marcos Abalo (Castrobikes) 8º e Borja Fernández (Coruxo) 9º nos cadetes. 

A segunda e penúltima cita deste Open de España será o Bilbao Downhill International, a fin de semana do 13 e 14 de abril. 

 

Máis información 


Enlace con la noticia original: Tres galegos vestíronse de líderes do Open de España de DHI en Tuña

Mas noticias relacionadas