Veloso terá que remontar 40 segundos na contra o reloxo final para gañar a Volta a Portugal

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A 81ª Volta a Portugal decidirase na contra o reloxo final de 19,5 quilómetros deste domingo en Porto. Tres corredores optan á vitoria na xeral. Un deles, o que menos opcións ten, é Gustavo César Veloso (W52-FC Porto). O vilagarcián volveu ceder tempo este sábado na tirada raíña con final no santuario da Senhora da Graça e para adxudicarse a súa terceira Grandíssima necesita remontar 40 segundos aos dous corredores lusos que están igualados no máis alto da clasificación, o líder Joni Brandão (Efapel) e João Rodrigues (W52-FC Porto).

Veloso segue sen ser o mesmo ciclista que lideraba con solvencia a carreira antes de dar cos seus osos no chan o mércores en Bragança. Dende esa caída foi perdendo tempo en todas as etapas. Nesta penúltima de 133,5 km, con tres altos de 1ª categoría, realizou un exercicio de supervivencia e entrou en crise a falta de 2 km cando Brandão pasou ao ataque.

En solitario, malia que por diante do galego terminaron tres corredores do seu equipo, o de Bamio cruzou a liña de meta a 24" do gañador da xornada António Carvalho (W52-FC Porto).  A 1" do vencedor na Senhora da Graça rematou Rodrigues, que conseguiu rabuñar 1" a Brandão e deste xeito empatar a tempo na xeral co do Efapel, que conserva o amarelo. 

Máis especialista na loita contra o reloxo que os dous primeiros na clasificación, Veloso será o antepenúltimo ciclista en tomar a saída este domingo en Gaia. O percorrido de 19,5 km conta con dúas subidas esixentes.

 


Enlace con la noticia original: Veloso terá que remontar 40 segundos na contra o reloxo final para gañar a Volta a Portugal

Mas noticias relacionadas