A secretaría Xeral para o Deporte anuncia a creación da oficina de atención ao deportista “que se desenvolverá co novo decreto de alto nivel”

Publicado por: UFEDEGA

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu na mañá de hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior para dar conta sobre os plans e proxectos da Secretaría Xeral para o Deporte no segundo bienio da lexislatura. Alí, o máximo responsable do Deporte galego ratificou a aposta polo deportista como “figura clave do sistema deportivo galego e español”. Nesta liña, Lete Lasa destacou a consolidación da partida de 300.000 euros anuais para as axudas DGAN, o incremento do número de deportistas galegos de alto nivel (426), a posta en marcha de patrocinios cos deportistas en fase de preparación para Toquio 2020, o crecemento do programa Eu son DGAN e a creación da Oficina de Atención ao Deportista “que se desenvolverá co novo decreto do deporte de alto nivel que verá a luz no vindeiro trimestre do ano e que será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.

Na súa comparecencia parlamentaria o mandatario galego subliñou que a “imprescindible presencia da actividade física en calquera sociedade saudable que pretenda maiores cotas de benestar vivindo máis e mellor é unha evidencia científica, institucional e social”. Así, Lete Lasa lembrou que o pasado mes de setembro a Organización Mundial da Saúde recollía a ferramenta DAFIS (Datos de Actividade Física) na súa guía europea como unha plataforma de éxito e boas prácticas. Neste sentido informou que grazas a esta ferramenta realizáronse 19.200 valoracións correspondentes a 12.200 nenos e nenas de toda Galicia e situou o obxectivo da Xunta en “converter esta plataforma nunha ferramenta fundamental de vixilancia da saúde”. Tamén incidiu o responsable do Deporte galego na importancia do programa XOGADE que “xunta toda a oferta deportiva de actividade física e lúdica da Xunta de Galicia, apostando por unha práctica deportiva humanista, educativa e saudable”. “A pasada tempada, Xogade contou con 126.350 nenos e nenas mutualizados, o 55,2% da poboación matriculada nos centros educativos de Galicia”, apuntou.

Tamén reivindicou o papel das agrupacións deportivas escolares “no desenvolvemento da actividade física e deportiva, polo que a Secretaría Xeral para o Deporte opta por manter unha relación máis directa que se plasmará nos vindeiros convenios de colaboración”. Estes convenios beneficiarán ás 30 agrupacións existentes que verán duplicada a súa dotación con respecto a 2018.

O secretario xeral para o deporte insistiu na idea dun deporte “global, para todos e para todas”. Deste xeito incidiu no “impulso ao deporte inclusivo a través dos Campionatos Galegos que axuden a conseguir a igualdade na práctica e no acceso ao deporte a á actividade física”. Tamén centrou o seu discurso na importancia do deporte feminino xa que “a igualdade é un dos retos máis esenciais aos que enfrontamos”. Neste sentido destacou o 25% de licenzas federativas femininas que a Secretaría Xeral para o Deporte traballará por incrementar a través de acordos como o asinado coa Secretaría Xeral da Igualdade grazas ao que se financiará o deporte feminino con 1,5 millóns de euros. No que respecta ao devandito decreto do deporte de alto nivel destacou informou que este recollerá “medidas concretas como a prórroga de recoñecemento como deportista de alto nivel ás mulleres embarazadas”.

Deporte de alto nivel

O deporte de alta competición foi outro eido ao redor do que o secretario xeral xirou a súa intervención. De feito, na última tempada, dos 171 equipos patrocinados, un total de 72 son femininos, cando no primeiro ano do Plan de Patrocinio aos Equipos de Alta Competición tan só se contabilizaban 30. Un número que, como informou o secretario xeral, está en disposición de medrar xa que neste ano 2019 o Plan terá un financiamento de máis de 3,25 millóns de euros o que significa 850.000 euros máis que no pasado exercicio. Este incremento orzamentario posibilita incluír dúas novas liñas de acción: “por un lado crearemos un novo grupo de patrocinio para modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas” e, por outro, “ampliaremos aos equipos que participen no terceiro máximo nivel en modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas, abarcando o fútbol e o baloncesto masculino, e o fútbol, o baloncesto e o voleibol feminino”.

O secretario xeral para o Deporte tamén dedicou parte do seu discurso ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, do que dixo que será “o primeiro centro de alto nivel deportivo da Comunidade Autónoma coa publicación do novo decreto de alto nivel de Galicia”. Deste xeito dixo que a progresión en número de bolseiros -153 en 2019 sendo 78 homes e 75 mulleres- consolidarase a través da ampliación do centro a novas modalidades como ximnasia, halterofilia ou tenis de mesa.

Máis para clubs, entidades e federacións

No que atinxe ao financiamento de clubs, entidades e federacións, o secretario xeral informou na Cámara galega que as axudas aos clubs deportivos ascenderán neste 2019 a 1.920.000 euros, cantidade á que cabe sumar os 650.000 euros cos que se dota á convocatoria de equipamentos, aumentando un 56% a súa dotación total e modificando o cofinanciamento que pasa do 50% entre a Secretaría Xeral e entidade, a un 80% e 20%.

Con respecto ás federacións deportivas galegas, o titular da carteira de Deporte salientou que a actividade directa destas entidades verase beneficiada neste 2019 con 4.305.000 euros que representan unha suba de 550.000 euros respecto a 2018 e aos que hai que sumar outros 550.000 euros grazas ao acordo coa Secretaría Xeral da Igualdade e os 200.000 euros da convocatoria de equipamentos, igualando, dixo o secretario xeral, “as contías anteriores á crise”.

Tocante ás infraestruturas deportivas, José Ramón Lete Lasa falou da inminente posta en marcha dunha nova ferramenta dixital para a validación oficial do censo de instalacións deportivas e de actividade física convencionais e non convencionais das entidades locais dentro da plataforma Galicia Activa que xa conta con 2.000 recursos e coa participación de cerca de 2.500 xestores externos. “O noso compromiso e desenvolver a Lei do 2012 e seguiremos traballando neste sentido na redacción do Plan de instalacións deportivas”, engadiu.

Cara a fin da súa comparecencia e contestando ás preguntas formuladas pola oposición lembrou que a Secretaría Xeral para o Deporte traballa fondamente na erradicación dos sucesos violentos no deporte polo que amosa, desde sempre, “tolerancia cero coa violencia”. Así recordou que na segunda xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia, esta estudou “dez feitos coa apertura de catro expedientes sancionadores e seis dilixencias previas”.

No peche da súa intervención, o secretario xeral resumiu o estado do deporte actual nunha situación de “máis cartos, más licenzas, máis deportistas de alto nivel, máis mulleres facendo deporte e máis bolseiros no CGTD”. “Queremos que a xente viva máis, que viva mellor e que sexa feliz”, concluíu.

La entrada A secretaría Xeral para o Deporte anuncia a creación da oficina de atención ao deportista “que se desenvolverá co novo decreto de alto nivel” se publicó primero en UFEDEGA.


Enlace con la noticia original: A secretaría Xeral para o Deporte anuncia a creación da oficina de atención ao deportista “que se desenvolverá co novo decreto de alto nivel”

Mas noticias relacionadas